Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio

Resumo Mesa Sectorial do 30 de outubro de 2007

Previo xeral para todos os concursos:

O STEG demandou as seguintes cuestións comúns a todos os concursos:

  • Mostramos a nosa conformidade con que o concurso sexa de ámbito nacional e non estatal, porque entendemos que ó ser pechado non poden cubrir as prazas persoas doutros territorios.
  • Corrixir a linguaxe sexista. Aceptada.
  • Publicación das vacantes provisionais simultánea coa convocatoria do concurso, previa negociación das mesmas nas Xuntas de Persoal. O STEG solicitou que se estableceran uns criterios claros para determinar o número de vacantes, para o cal faise preciso pechar a negociación iniciada a fins do curso pasado sobre itinerancias, tratar as prazas de difícil desempeño, as prazas de orientación e aquelas prazas dos centros con problemas de horario para cumprir as 25 horas de permanencia. Aceptado o peche da negociación das itinerancias.
  • Que as vacantes definitivas se fagan públicas canto antes, como mínimo coa publicación da resolución provisional. Despois da mesma non poden aparecer novas vacantes. Aceptouse facelas públicas antes de que remate o prazo de renuncia.
  • Que se nos proporcionen as datas previstas para todo o proceso (puntuacións, adxudicacións...). Entregouse unha primeira proposta de calendario que vai ser revisada por incompleta.
  • Que se suprima nos concursos de traslados as puntuacións meritocráticas (condición de catedráticos, cargos directivos, coordinacións...), xa que ao final teñen maior peso estes méritos que os da docencia directa. Non aceptada.
  • Ante a non aceptación da anterior o STEG demanda que se puntúen todas as funcións (Consello Escolar, Titorías, Dinamizacións, coordinacións de FCT…), para poder universalizar este tipo de puntuación a todo o profesorado. Non aceptada
  • Requisito de coñecemento do galego, solicitar o cumprimento de ter a titulación do galego para poder concursar. Solicitar que se esixa o requisito de galego para todas as materias e non só para as que se teñan que impartir en galego segundo o Decreto de Xullo. Non aceptada.
  • Solicitar que o prazo de reclamacións sexa igual para tódolos concursos 10 días hábiles. Aceptada.
  • Pedir que as vogais e os vogais das comisións de valoracións de méritos sexan elixidas por sorteo. Aceptada.
  • Pechar a folla de servizos para os baremos a 31 de agosto. Non aceptada

Orientación

  • O STEG solicita que se a aclare o tema das vacantes en Orientación, rexeita tanto en forma como no fondo a Circular de Orientación, en forma por ser enviada por e-mail, non permitindo unha achega de alegacións a tempo, no fondo porque empeora as condicións sociolaborais deste colectivo ao crear a figura da orientación compartida.
  • Solicitamos a revisión dos catálogos de Orientación xa que consideramos que hai un erro, debido a que o anterior catálogo dos centros de 12 unidades sumando EI e EP, tiñan departamento de orientación a tempo completo. Co novo catálogo só teñen dereito os centros con 12 unidades de EP. Compromiso de revisión xa que non teñen claro que sexa así.
  • Corrixir o Apartado h) por ter a titulación considerada preferente. Entendemos que ter a titulación de licenciada/o en psicopedagoxía debe puntuar: 2 puntos. Ademais das demandas xerais para todos os concursos, solicitamos que a lista coa baremación sexa pública. Aceptada.
  • Demandamos que no apartado G1.3) a xefatura de departamento de orientación puntúe aínda que se desempeñe simultaneamente a outros cargos, xa que a diferenza das XD doutras materias neste caso non pode exercelo outra persoa do departamento tendo a obriga de simultanealo. Ademais das demandas xerais para todos os concursos, solicitamos que a lista coa baremación sexa pública. Non aceptada.

Inspección

  • • Ademais das demandas xerais para todos os concursos, solicitamos que a lista coa baremación sexa pública. Aceptada.


Acceso cátedras

  • Pedimos a retirada do documento ao considerar que o RD estatal xa que non estamos obrigados a facelo en Galiza. Non aporta nada para a calidade do ensino supondo máis xerarquización e un despilfarro de cartos públicos. Non aceptada
  • Ao non aceptar a retirada : solicitamos as mesmas demandas xerais para o resto do concursos que se poidan aplicar a esta orde.
  • Eliminar a puntuación por tramos no apartado de formación. Que puntúen, ao igual que nos demais concursos, pola suma de horas. Estudarase

Neste punto abriuse un debate sobre a cuestión de formación con referencia aos cursos realizados polas forzas sindicais. O STEG manifesta o mercadeo no que se está a converter a formación considerando que a formación do profesorado en activo e das persoas paradas é unha obriga das administracións educativas públicas e non de empresas creadas polos sindicatos.

  • Solicitamos a corrección do baremo. Apartado II. Distinguir entre cursos impartidos e cursos superados. Estudarase en que epígrafe poden puntuar os cursos impartidos.
  • Incluír a puntuación por EOI. Non aceptada.
  • Solicitar que as comisións de valoración sexan elixidas por sorteo. Aceptada.


Adultos

  • Ademais das demandas xerais para todos os concursos, solicitamos que se tivese en conta a experiencia de todo o profesorado que imparte en adultos e non só o das EPAs. Puxemos de manifesto que moitas veces o horario deste profesorado obrígao a ter horas de mañá tarde e noite. Non aceptada

Ademais as OOSS estarán nas comisións nas que se revisen as reclamacións das puntuacións, a Administración aclarará na páxina web a necesidade de presentar por rexistro o concurso, non será necesario presentar o certificado da editorial para o baremo de publicacións.

VARIOS


1. Demandamos a constitución da Mesa Sectorial xurdida das últimas eleccións. Despois dun ano non é aceptábel que aínda non se respecte a vontade democrática do profesorado.

2. Acordo de catálogos: denunciamos o incumprimento horario detectado nalgúns centros que leva ao profesorado a ter que aceptar máis de 25 horas de permanencia. Non contestan. Temos unha reunión solicitada co subdirector de persoal.


3. Profesorado interino: solicitamos o inicio das negociacións sobre estabilidade e o pago dos sexenios ao profesorado interino. Non aceptada . Non teñen intención mentres non remate a transitoria LOE.

4. Demandamos o compromiso dunha axenda de traballo para o curso. Aceptada

5. Denunciamos os erros na xestión das listaxes que afectan ao traballo do profesorado e á organización dos centros

6. Desenvolvemento e aplicación da Lei da función pública en Galiza para facer efectivos os dereitos das traballadoras/es. Aceptada. Estudarán se é preciso desenvolvela.

7. Orientación: denunciamos os cambios nas condicións sociolaborais deste colectivo coa figura de orientación compartida. Reiteramos o erro dos catálogos. Estudarase se é un erro.

8. Reclamamos as negociacións sobre itinerancias. Non se deron prazos pero intentarán convocarnos pronto.

9. Demandamos a creación de postos de administrativos nos CEIPs e nas EEI. Non está previsto nos orzamentos.


Ademais a Administración aclara que o profesorado substituto vai cobrar o complemento de titoría e outras funcións docentes, que o persoal do ISM será nomeado funcionario de carreira en xaneiro de 2008 pero con dereitos económicos desde o 1 de setembro de 2007. A Consellaría está estudando a posibilidade de cobro de sexenios ao profesorado interino que aprobou a oposición e non ten as horas de formación correspondentes.