| O venres 14 de decembro
celebrouse unha Mesa Sectorial na que se abordaba a negociación
para a solicitude da Xornada única e a Orde
de selección de direccións.
XORNADA ÚNICA
A Administración presenta a seguinte proposta de cambio nas condicións
da xornada única.
- Reducir aos 3/5 a necesidade de votos afirmativos do claustro
- Reducir aos 3/5 a necesidade de votos afirmativos do consello escolar
- Votación do pai e da nai do alumnado
- Revisar a xornada cada 3 anos
O STEG considera unha falta de respecto ao profesorado
que a Administración entregue este documento no mesmo momento da
negociación. De igual maneira parécenos vergoñento
e provocador que este documento non aborde os verdadeiros problemas da
xornada única: o transporte escolar e un sistema de votación
condicionado ao censo.
Despois de entregar este documento houbo unha rolda de
intervencións das OOSS onde se presentaron as distintas propostas
(proposta STEG),
e onde comprobamos gratamente que estabamos todas moi próximas
nas reivindicacións. A pesar disto a Administración, na
súa intervención, non se limitou máis que a darnos
leccións de defensa do ensino como servizo público, sen
entrar ao fondo da cuestión, e convocándonos a unha nova
mesa na que traerá unha proposta de orde xa redactada co que prevemos
moi pouca marxe para a negociación.
ORDE SELECCIÓN DA DIRECCIÓN
Ver
propostas do STEG
A Administración explica que as posibilidades
de modificación desta orde son escasas xa que está regulado
na LOE.
A partir disto:
- Estudará como ampliar os prazos sen que afecte ao curso de
formación, entenden que será no prazo de exposición.
- Para os nomeamentos de oficio serán sempre despois de oído
o claustro.
- Consultarán que parte da formación poda facerse on-line.
- Van a retirar a disposición adicional 3ª na que se permitía
a unha dirección que non rematase o seu mandato e que obtivese
destino no CXT optar por quedar no centro en comisión de servizos.
VARIOS
- Fixemos referencia a todo o solicitado na anterior mesa. (ver
enlace da mesa anterior)
- Formación. Informamos da nosa solicitude
de entrevista entre todas as OOSS e responsábeis de Formación
e de Persoal da Consellería. Convócannos a unha xuntanza
a principios de xaneiro.
- Solicitamos a inclusión dun punto sobre Orientación
nunha próxima Mesa Sectorial.
- Informamos de que temos constancia de profesorado de relixión
exercendo cargos directivos. A Administración di que
non poden ser directores e directoras xa que teñen que ser funcionariado
de carreira, pero que poden ser secretarios/as e xefes/as de estudos
porque segundo a LOE pode ser quen teña destino definitivo e
eles interpretan que o teñen.
- Insistimos na necesidade de iniciar as negociacións
sobre a estabilidade do profesorado interino, ao non aceptar
a interpretación da administración e dalgunhas centrais
sindicais de que o RD de Acceso era a estabilidade. Puxemos o exemplo
de que difícil sería para especialidade como Procesos
Comerciais onde non se convocaron prazas.
Ademais a Administración informa do seguinte :
- A Administración comprometeuse a traer un calendario
de negociacións no mes de xaneiro, así como traer
o tema das itineracias na próxima mesa.
- Respecto ao tema do acordo de catálogos din
que están cumprindo xa que o compromiso fora de sacar 500 prazas
para concurso de traslados e a día de hoxe hai 1100.
- Van a traer á Mesa unha norma sobre a aplicación dos
permisos da Lei da Función Pública. Aclaran
que o de acumulación de lactancia non variarán as 4 semanas
de acumulación pero si o momento de disfrute do permiso que xa
non terá que ser a continuación do de maternidade.
- Estase traballando no pago de sexenios ao profesorado en
prácticas que foi interino e que non ten a formación
nas datas correspondentes.
- Revisarán de oficio os datos da aplicación de
acceso a Cátedras. Ademais aceptan que se aleguen os
méritos dos cursos impartidos e coordinados.
- O luns 17 cesarán os chamamentos para cubrir substitucións.
|