Décimo sétimo- Permiso por paternidade

O permiso de paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai funcionario a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou
de resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.
Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo da administración pública galega, o permiso poderase distribuír a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.
Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos por parto ou por adopción ou acollemento.
A nai poderá gozar deste permiso por paternidade a continuación dos permisos por parto ou por adopción ou acollemento nos seguintes supostos:
- Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.
- Se a filiación paterna non estivese determinada.
- Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.
- Cando en resolución xudicial dictada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.
No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados neste apartado.
Nos casos de permiso por parto, adopción ou acollemento e paternidade, o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal funcionario durante todo o período de duración do permiso e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.
Os funcionarios que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, unha vez finalizado o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

O persoal funcionario docente que estivese ou iniciase o permiso por paternidade, no transcurso do mes de agosto, non se considerará que gozaron das vacacións durante o mes de xullo, polo que terán dereito aos días de vacacións non gozados, unha vez finalizado o permiso de paternidade.

O persoal funcionario interino ou substituto docente que non estivese prestando servizos e reunise os requisitos para estar gozando do permiso de parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terá dereito a ser chamado para as interinidades e substitucións que lles correspondan, tomando posesión coa finalidade de que os servizos que lles correspondería prestar lle sexan recoñecidos para os efectos administrativos e os económicos cando non tiveran dereito ás prestacións correspondentes No suposto de que no momento da finalización do permiso estivese vixente o nomeamento de interinidade ou substitución, terán dereito a optar pola incorporación á praza. No caso contrario cesarán na mesma tamén a efectos administrativos.

CONCÉDEO : a dirección.

DOCUMENTACIÓN ESIXIDA: