Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A Consellería de Educación prohibe a inmersión en galego en Infantil nas cidades, malia a demanda das familias

Con esta medida demóstrase que o Presidente e goberno da Xunta menten ao eliminar a posibilidade de elección que din defender. Para o STEG o seu discurso da liberdade só ten un obxectivo: eliminar o galego do ensino

No tramo de educación infantil o decreto do 2007 permitía a inmersión lingüística en galego en Educación Infantil nas contornas castelán falantes, como medida compensatoria para nenas e nenos de 3 a 5 anos que tiñan practicamente o seu único contacto co galego a través da escola.

Esta norma é a que contemplaba a lexislación do ano 1995 (Artigo 4 do D 245/1995) do goberno de Fraga e posteriormente foi recollida no decreto do 2007. Nas zonas urbanas, tanto a realidade como os estudos sociolingüísticos (que inspiran o Plan de Normalización Lingüística, tamén do goberno Fraga e votado a favor polo actual presidente da Xunta), constatan unha perda de galegofalantes que impide o contacto coa lingua propia de Galiza. Para paliar esta situación a Orde permitía a liberdade de elección ás nais e pais, estando de acordo toda a comunidade educativa, para que existiran estas aulas “para potenciar o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en contextos castelán falantes” na que se matricularon maioritariamente familias castelán falantes desexosas de garantir unha mínima competencia lingüística en galego ás súas fillas e aos seus fillos.

Xa o curso pasado a Consellaría eliminou todas as axudas económicas a este programa, así coma o recoñecemento en formación para o profesorado do mesmo. A pesares disto, a meirande parte deles continuaron este curso grazas á valoración das familias. A Consellaría vén agora de comunicar a estes centros -en total foron 47 os centros que se adheriron- a imposibilidade de continuar con este programa de defensa da lingua alí onde está case extinguida, seguindo a aplicar a súa antidemocrática interpretación do principio de igualdade: tratar por igual non só o castelán e o galego senón tamén en todas as situacións, independentemente das desigualdades que se dan de partida. Esta decisión non ten en conta a demanda constante de numerosas familias que constatan diariamente a imposibilidade de garantir o bilingüismo para unhas nenas e uns nenos que, a partires dos 6 anos terán que coñecer ben o galego para comezar o ensino obrigatorio.

Para o STEG é alarmante esta medida que mesmo é contraditoria cos postulados que di defender esta Goberno. É, xa que logo, unha proba evidente de que aos novos responsábeis da Consellaría non lles interesa esa suposta liberdade que din defender, senón facer todo o posíbel para lexislar en contra da protección do patrimonio común das galegas e galegos: o galego.

Para o STEG, con estas medidas, esta administración só persegue facer do alumnado galego analfabeto lingüisticamente en galego e a medio prazo a desaparición da nosa lingua. Lamentabelmente as únicas novidades lexislativas deste goberno en materia educativa non se preocupan da calidade do ensino senón só de eliminar todas as medidas existentes de protección da lingua.


Secretariado Nacional do STEG
xuño do 2010