|
Máis do 80% do profesorado secundou a folga convocada
polo STEG. Ao redor de 60.000 persoas encheron dúas veces
a Praza do Obradoiro.
Desde o STEG queremos agradecer a todo o profesorado,
ao alumnado e ás nais e pais o apoio masivo á
convocatoria de folga e manifestación que tivo lugar
hoxe 21 de xaneiro en Compostela.
O éxito das mobilizacións confirma
que a sociedade quere unha capacitación real e plena
para o alumnado na lingua propia de Galiza polo que non pode
rebaixarse a súa presenza no ensino.
Toda a comunidade educativa rexeita unhas
bases que, de ir adiante, en lugar de evitar o fracaso escolar
afondarían nel.
Desde o STEG facemos un chamamento ao presidente
da Xunta de Galiza para que mude de postura e traslade ao titular
da Consellaría de Educación a necesidade da retirada
das bases. O que menos precisa o ensino galego é a creación
de conflitos artificiais que só xeran problemas nos centros
incidindo negativamente na aprendizaxe do noso alumnado. Unha
Consellaría de Educación ten como obriga a elaboración
de normas de mellora do ensino e debe actuar responsabelmente
desistindo de promesas contrarias ao que a comunidade escolar
e a sociedade en xeral queren.
Instamos á Consellería a que
se poña a traballar eficazmente nos verdadeiros problemas
do ensino e que abandone aventuras e experimentos co noso alumnado
por puros intereses partidistas.
Se non escoita o clamor da comunidade escolar,
demandando sentido común e traballo para solucionar os
verdadeiros problemas do ensino, teremos que pensar que estamos
ante uns xestores irresponsábeis que non merecen o cargo
que ocupan. Neste sentido, desde o STEG, seguiremos a mobilizarnos
para conseguir a retirada destas bases e así salvar ao
ensino galego da peor proposta da súa historia. |