NON
Á ESTRATIFICACIÓN SALARIAL NO CORPO DE MESTRES O STEG
levou adiante unha campaña pola extensión a todo o Corpo de Mestres
do complemento económico do primeiro ciclo da ESO
Conscientes no STEG de que a aplicación da Reforma Educativa
supuxo un enorme esforzo para o profesorado e de que a Administración propuxo,
no seu momento, un aumento retributivo para as mestras e mestres que imparten
docencia no 1º Ciclo da ESO, obviando unha proposta que abranguera á
totalidade do profesorado, RECLAMAMOS que a mellora se estenda a todo o Corpo
de Mestras/es, traballe onde traballe. Para o STEG trátase de valorar
o traballo realizado polo profesorado de Educación Infantil, Educación
Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Formación de Persoas
Adultas, non esquecendo que, para calquera dos niveis antes citados, se require
a mesma formación inicial e idéntica dedicación. Ademais
de desempeñar unha única función social, é un traballo
exercido co mesmo grao de responsabilidade. Polo tanto, hai que pensar que a diferenza
salarial que a Administración establece responde a razóns alleas
ao valor da labor realizada. Para o STEG retribuír do mesmo xeito unha
mesma dedicación e grao de responsabilidade non só é xusto,
senón que favorece a suma de vontades para traballar en equipo e compartir
responsabilidades. A coherencia do STEG en materia retributiva levounos sempre
ó convencemento de que á función docente, que é única,
lle corresponde o agrupamento laboral do profesorado nun CORPO ÚNICO DE
ENSINANTES. Este histórico posicionamento recibiu o importante apoio inequívoco
das Universidades que reivindican a licenciatura para a formación inicial
das mestras e dos mestres. Unha das accións levadas a cabo nesta campaña
consistiu en recadar o apoio dos Claustros de profesores e profesoras mediante
o envío dunha Acta e Follas de Sinaturas, obtendo resposta de máis
de 300 centros (CEIP, CEP, CPI, EEI e CEE) e avalada por preto de 4.000
sinaturas e máis de 200 Actas de Claustro. O
venres 26 de marzo, fixemos entrega das sinaturas e das actas de Claustro na Consellaría
de Educación ao tempo que mantivemos unha entrevista co director xerel
de persoal, Severino Somoza quen entendeu como lóxica a reivindicación.
Nun tono de cordialidade, porén, manifestou que era inviable neste intre,
dado que a Consellaría tiña moitas frontes a que atender e moitos
e diversos investos económicos por facer. Pola súa banda, o director
xeral e máis o xefe de servizo de Secundaria, Xosé Luís Canosa,
tamén presente na entrevista, coincidiron en aclarar que o complemento
de 1º Ciclo de ESO fora vontade unilateral do seu Departamento, pois non
estaban obrigados por lei a pagar ese diñeiro. O STEG, que recoñecía
esa decisión, manifestou que agora chegaba a hora de estender esta medida
a todo o profesorado de Primaria, por xustiza e por dignidade ante os profesionais
de ensino menos valorados. Desde a Dirección Xeral enténdese que,
de ir adiante a nosa reivindicación, isto suporía unha cadea de
novas reivindicacións por parte do resto do profesorado do corpo de mestres
para volver establecer novas diferenzas. Ante isto o STEG consideraba que hoxe
en día, entre o profesorado en xeral, estaba bastante estendida a opinión
de que as diferenzas retributivas deberían irse reducindo cada vez máis.
Entón, os responsables da Dirección Xeral aproveitaron para dicir
que contribuíran a isto coa suba salarial lineal que acordaron con algúns
sindicatos o pasado ano. Con todo, citaron varias veces como exemplo positivo
o artigo 62 da LOCE de melloras laborais do profesorado, artigo que contempla
a proliferación de complementos salariais. Ademais, entende a administración
educativa que a medida de equiparación que propoñemos, co aval de
máis de 300 centros e case 4000 sinaturas, sería inoportuna toda
vez que debe expirar o prazo de implantación do devandito acordo retributivo
(Outubro/06). Para finalizar, o STEG valorou como negativa en si a proliferación
de complementos, pois provoca dinámicas xeradoras de reaccións en
cadea, como o propio Canosa viña de explicar. Os representantes da administración
educativa concordaron -aínda que vagamente- en que outorgar o nivel 24
ao corpo de mestres sería a medida da auténtica equiparación
e dixeron que a nova titulación de Maxisterio quizá arranxe isto
definitivamente.
GRACIAS A TODOS OS CENTROS E A TODAS AQUELAS
MESTRAS E MESTRES QUE COLABORARON CON NÓS NESTA REIVINDICACIÓN POLA
NOSA PARTE SEGUIREMOS LOITANDO PARA QUE SE DIGNIFIQUE A PROFESIÓN DOCENTE
NOS SEUS TRAMOS MÁIS INICIAIS E BÁSICOS. OS NUMEROSOS APOIOS
RECIBIDOS A PROL DESTA REIVINDICACIÓN, CONSIDERADA DE XUSTIZA POR TODA
A COMUNIDADE EDUCATIVA, OBRÍGANNOS A FACER PÚBLICOS OS RESULTADOS
ACADADOS, ASÍ COMO A TENTAR FACERNOS OUVIR NAS INSTANCIAS EDUCATIVAS E
ANTE O VALEDOR DO POBO Listado
de centros que colaboraron na campaña. |