O
"MOBBING" OU ACOSO MORAL INTRODUCCIÓN ¿QUE
É O ACOSO PSICOLÓXICO? O MOBBING NA ESCOLA INTRODUCCIÓN A
noción de accidente de traballo, configurada sobre o triángulo "lesión
corporal - traballo por conta asea- causalidade traballo/lesión",
permaneceu basicamente inalterada dende a lei de 1900 na que apareceu. Foron os
tribunais nun lento proceso de recoñecemento de demandas, quen foron estendendo
o concepto á enfermidade profesional, ó accidente in itinere, a
algunhas enfermidades psíquicas e cardiovasculares, etc. Foi o caso da
incorporación do mobbing ó concepto de accidente de traballo: por
primeira vez no Estado Español, e a resultas de sentenzas de data 17-12-2001
ditadas pola Audiencia Provincial de Navarra, as baixas de tres traballadoras
da contrata de limpezas foron recoñecidas como accidente de traballo derivado
da existencia de acoso moral por parte do conserxe do colexio público no
que traballaban. Dende o 3,5% da clase traballadora que sufría
o problema nos anos 80 (segundo estudios de Leymann, Universidade de Estocolmo)
ata o 14% actual que recoñecen investigacións da OIT ou da Universidade
de Alcalá, houbo un severo aumento que resulta difícil desvencellar
do modelo de relacións laborais e de sociedade-individuo que se nos está
a impoñer, así coma o combinado paro-precariedade-exclusión.
En España recoñécese unha taxa do 5%. En Europa, a Administración
Pública atópase entre os sectores máis afectados. Aparte
do acoso laboral strictu sensu, o 2% das persoas que foron preguntadas declara
estar sometido a acoso sexual e o 6% a violencia física. Recentemente,
unha investigación entre 2000 traballadoras e traballadores da Central
de Sindicatos do Québec (CSQ, que opera no eido docente) subliña
a importancia do mobbing. O estudio informa sobre as súas consecuencias
e destaca o papel decisivo da organización do traballo e do contexto socio-económico.
Un de cada cinco docentes de Québec sofre o "mobbing". A investigación
foi realizado por Angelo Soares, profesor de Socioloxía da Universidade
de Québec en Montreal, e os resultados son ben preocupantes: o 11% das
persoas entrevistadas din padecer nese momento acoso psicolóxico, o 18%
din telo padecido nos últimos doce meses; o 6% afirma ter sido testemuñas
de escenas nas que unha ou un colega sufría acoso. Por último, o
65% di non o ter vivido nunca. As vítimas son principalmente mulleres (71%),
pero tendo en conta que representan os dous terzos dos efectivos da Central, tamén
é vítima unha boa proporción de homes. Esta maneira xorda
de violencia no traballo existe dende sempre pero dende hai algún tempo
volveuse "máis popular". ¿QUE
É O ACOSO PSICOLÓXICO? Heinz Leymann, psicólogo
alemán, é considerado como pai do concepto e definiuno como o encadeamento
repetitivo de episodios hostís expresados ou manifestados por unha ou varias
persoas contra unha terceira (a persoa diana) no traballo. E un proceso destrutivo,
constituído por accións hostís das que a constante repetición
ten efectos devastadores sobre a vítima acosada. O acoso moral pode
ser de tipo vertical, é dicir, dun ou dunha superior a unha persoa subordinada;
nese caso, a persoa agresora está disposta a todo, incluída a destrución
psicolóxica da vítima, con tal de logra-los seus obxectivos. Hai
tamén un acoso de tipo horizontal, onde a agresión é entre
colegas ou iguais; é o que con maior frecuencia sofren as vítimas.
As actuacións máis frecuentes de acoso vividas polas vítimas
son as seguintes: -Fanse insinuacións sobre min, pero
sen expresar nada directamente. -Diríxenme olladas ou xestos de carácter
negativo. -A xente fala detrás de min. -Unha ou un superior limita
as miñas posibilidades de expresa-la miña opinión. -Póñense
en cuestións as miñas opinións. -Bérranme por detrás. -Descualifícase
constantemente o meu traballo. -Interrómpenme constantemente. -Hai
persoas que espallan rumores contra min.
Trátase
de pequenos xestos insidiosos e nocivos. É a súa repetición
no tempo a que remata por destruí-la persoa. "O acoso moral, afirma
Marie France Irigoyen (psiquiatra e autora dunha obra sobre o tema, que revolucionou
Francia), é unha violencia en pequenas doses que non para nunca e que é
moi destrutiva". ¿Unha violencia que non se detecta? Sorprendentemente,
así é. Dez persoas afirmaron non vivir acoso moral mentres que sufrían
unha ou dúas destas actuacións ó menos durante máis
de dous meses. "Para elas, o acoso converteuse en algo normal, é parte
do seu traballo", afirma Angelo Soares. Hai unha especie de banalización
da violencia como constatou Marie France Irigoyen en numerosas vítimas
do acoso moral: " Sucede que as vítimas desta violencia insidiosa
consultan coa ou co psicoterapeuta individualmente, pero non polo feito do acoso,
senón polo que denominan inhibición intelectual, falta de confianza
en si mesmas, dificultade para reafirmarse ou por un estado depresivo permanente,
resistente fronte ós antidepresivos, incluso por un estado depresivo máis
franco que pode conducir ó suicidio". Se estas vítimas se
queixan algunha vez ós cargos superiores ou a algunha ou algún colega,
persiste nelas a dúbida sobre o que está pasando: " ¿Non
serei eu realmente o que estea a inventar todo isto, como algunhas persoas me
deron a entender? É importante resaltar que as investigacións
realizadas ata o momento son unánimes ó subliñar que non
se pode establecer correlación algunha entre o perfil de personalidade
das vítimas e o ser vítimas do acoso. En resumen, isto pódelle
pasar a calquera. " Este tipo de estrés psicolóxico víveo
tanto quen padece o acoso coma as testemuñas, que constatan a xeración
dun mal clima de traballo". ¿Pero porqué ser testemuña
ten tantos efectos psicolóxicos coma ter sido vítima do acoso moral?
"Por diversas razóns - responde Angelo Soares-. As testemuñas
teñen medo de ser acosadas elas mesmas. Teñen vergoña porque
non fan nada para axudar ás vítimas e desenvólvese un sentimento
de impotencia". Neste caso, como noutros moitos, a unión fai a forza.
Se as persoas se puxesen de acordo para facer fronte ó agresor ou á
agresora, serían capaces de intervir, mentres que soas non conseguen nada. "O
acoso psicolóxico non debe ser concibido como un fenómeno individual,
único, episódico, puntual ou accidental, senón coma o resultado
dunha converxencia de factores que afectan directamente ó corazón
da organización do traballo. Estes factores empreñan os xermes da
violencia provocando que rompan as relacións sociais dentro e fóra
do traballo". O MOBBING NA ESCOLA Na
escola, segundo José María Avilés, responsable de saúde
laboral da confederación de STEs e autor de El maltrato y la intimidación
entre iguales (bullying), poden distinguirse basicamente tres tipos de mobbing: -Mobbing
horizontal: un grupo de compañeiras e compañeiros de traballo,
de categorías máis ou menos afín, acosan a outras ou a outros,
xeralmente de maneira indirecta, cargándoas e cargándoos de traballo,
importunando a súa labor ou marxinándoas e marxinándoos profesionalmente. -Acoso
vertical ou bossing: cando é un cargo superior xerárquico (directora
ou director, inspectora ou inspector, etc.) quen protagoniza o acoso. -Acoso
estrutural: é aquel derivado dunhas condicións de traballo causadas
por unha lexislación desaxustada ou por un orde de traballo abusivo.
Estes
tipos de acoso, segundo o mesmo autor, non teñen por que darse illadamente
e, de feito, moitas veces danse confundidos. As e os profesionais máis
susceptibles de sufrilo son aquelas e aqueles de quen non depende directamente
o seu traballo (coordinadoras e coordinadores, profesorado de apoio, orientadoras
e orientadores, etc.) e quen sofre postos de traballo precario, coma o profesorado
interino. Entre as moitas clasificacións que poderían
facerse, Leymann, un autor clásico na materia, distingue 45 comportamentos
hostís que agrupa, segundo a súa natureza, en: -accións
contra a reputación ou a dignidade persoal da vítima, mediante comentarios
inxuriosos, ridiculización do aspecto físico, xesto, conviccións,
etc. -accións contra o exercicio do seu traballo: encomendándolle
traballo excesivo, difícil, innecesario, monótono ou que requira
unha cualificación menor que a posuída pola vítima (shunting);
tamén privándolle da realización de calquera tipo de traballo,
ou enfrontando á persoa a situacións de conflicto de rol (negándolle
ou ocultándolle os medios para realiza-lo seu traballo, solicitándolle
demandas contraditorias, etc.) -manipulación da comunicación
ou da información coa persoa afectada: utilizando selectivamente a comunicación,
mantendo á vítima nunha situación de ambigüidade de
rol ou facendo uso hostil da comunicación, tanto dun modo explícito
(ameazas e crítica sobre o laboral e/o persoal) coma implícito (nega-la
palabra, ignora-la súa presenza, facer caso omiso das súas opinións,...). -situacións
de iniquidade mediante o establecemento de diferenzas de trato ou a distribución
non equitativo do traballo ou as remuneracións. No eido docente é
especialmente perverso o uso do poder coa asignación dos horarios, os grupos
presuntamente máis conflitivos, algunhas titorías, etc.
|