Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Saúde Laboral
STEG e a Confederación de STEs-i piden á nova Administración política que melloren a saúde do profesorado.

STEG e STEs-i presentan unha campaña sobre a saúde do profesorado e a mellora das súas condicións laborais. O obxectivo é instar á nova Administración Educativa para que cumpra a Lei de Prevención de Riscos Laborais tamén no ensino.
A educación é un eido onde as condicións de traballo xeneran riscos que afectan ás traballadoras e ós traballadores. Non só se deben previr os accidentes de traballo, senón que existen unha chea de danos na saúde que deben eliminarse ou reducirse ao máximo: trastornos musculoesqueléticos, estrés, acoso psicolóxico, síndrome do queimado, sobreutilización da voz, cadros infecciosos e alérxicos, etc...
STEG e STEs-i presentan unha Campaña para os centros educativos e para a sociedade en xeral cunha dobre finalidade:
Por unha parte, desenvolver unha cultura preventiva e de reflexión sobre as condicións de traballo e de como afectan estas á saúde das traballadoras e dos traballadores do ensino; e por outra banda, esixir das Administracións Públicas e das empresas implicadas o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, mediante a integración da prevención nas súas estruturas organizativas e o desenvolvemento dos preceptivos Plans de Prevención.
Neste senso, STEs-intersindical coordinou un dossier monográfico que Cadernos de Pedagoxía adicou á "A Saúde do Profesorado" no seu número 335. Nel analizamos sete situacións de risco para a saúde do profesorado: patoloxías musculoesqueléticas, estrés, acoso psicolóxico ou mobbing, a responsabilidade civil, problemas de voz, a saúde das e dos docentes e a precariedade do persoal interino e substituto.
STEG, ó igual que fará a confederación de STEs-i coa administración central, presentará na Consellería de Educación da Xunta de Galicia unha táboa reivindicativa de mellora de condicións laborais do profesorado. Seguiremos así mesmo reivindicando a constitución do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, imprescindible paso previo para as aínda inexistentes tarefas de avaliación de riscos nos centros educativos e de posta en marcha dun Plan de Prevención.