Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

 

 

O STEG ante o 28 de Abril , Día Internacional da Seguridade e Saúde Laboral

Humanizar o traballo

Humanizar o traballo, facelo máis saudábel, máis equitativo, máis incluínte, máis creativo, máis participativo, máis respectuoso co medio ambiente… non só é posíbel, senón que, ademais, é imprescindíbel.

Propoñemos outra organización do traballo, outra economía,…que non estea presidida polo mercantilismo, que erradique a coacción empresarial e a chantaxe permanente da precariedade e o desemprego. Un traballo que poida desenvolverse nun contorno medioambiental saudábel e que minimice o seu impacto medioambiental actual.

Cada día evidéncianse máis as formas deshumanizadas de traballo. A organización do traballo nas Empresas Privadas e nas Administracións Públicas, nesta situación, empeora as condicións nas que prestamos os nosos servizos profesionais,…porque parece que a maximización de beneficios económicos é o máis importante. A saúde física e psicolóxica das persoas traballadoras cada vez parece menos importante.

Esta maximización dos beneficios leva á relaxación de medidas de seguridade co peor dos resultados: a morte, só en Galiza, de 74 persoas en accidentes durante a xornada laboral, o que supón un incremento do 4,2 por cento en relación con 2008. Os sectores cun maior número de sinistros mortais foron a construción e os servizos, con 23 cada un. Na industria morreron 14 traballadoras/es, mentres que foron oito na pesca e seis no agro. O exercicio pasado cerrouse con 548 sinistros graves en Galiza.

Denunciamos, xa que logo, o uso da crise por parte de gobernantes e empresarios como pretexto e coartada para recortar gastos en materia de saúde laboral e protección da saúde dos traballadores e traballadoras, para flexibilizar e desregular o mercado de traballo, cargando unha vez máis sobre os lombos da poboación traballadora e das súas familias os efectos negativos dunha crise que non provocamos.

Apostamos porque o traballo sexa fonte de benestar, que sexa ferramenta de realización persoal, que libere e cultive as enerxías e as forzas creativas de cidadás e cidadáns, e que contribúa á mellora da relación harmoniosa coa Natureza.

Así mesmo, denunciamos a situación de grupos de poboación que resultan especialmente prexudicados: as mulleres, as persoas mozas en busca do seu primeiro emprego e as persoas que exercen coma interinas/os e substitutas/os. A situación das mulleres é especialmente vulnerábel xa que o mundo laboral aínda funciona segundo un modelo masculino. A organización, os valores,os horarios continúan baseados na división de roles, o que fai que as mulleres con emprego se vexan sometidas a unha dobre xornada que repercute en aspectos como a capacidade de gozar do ocio e do descanso, coas repercusións que isto ten na saúde das mulleres.

A nosa proposta tamén incidiría nos modelos de organización que son capaces de modificar os factores de risco, buscando que os aspectos sociais incidan directamente nos aspectos técnicos, con alternativas organizativas como o “enriquecemento do traballo”, a “adaptación de postos de traballo”, o “traballo cooperativo”, a “ordenación de xornada compatíbel” (decidida polo consello escolar e non polo transporte).

Desde STEG cremos que son necesarias medidas que aseguren a calidade no emprego e a seguridade e saúde laboral para todas as persoas. Isto último, simplemente aplicando as leis que xa existen.

Texto en pdf para imprimir

Secretariado Nacional do STEG
Abril de 2010


28 Abril 2009

QUE A TÚA SAÚDE LABORAL NON PAGUE A CRISE
Manifesto do sindicato STEG na campaña “Menos Precariedade Máis Saúde

A saúde laboral das persoas que traballan non pode pagar os efectos da precariedade crecente que se está producindo con motivo da crise económica e financeira. O actual modelo económico global demostrou a súa incapacidade para xerar xustiza social global e distribución equilibrada global dos recursos.
            Ter ou non traballo e en que condiciones realizalo determina que o traballo xere saúde ou provoque enfermidade. Porque o traballo nunca é neutral, debemos pensar cal debe ser o obxectivo a perseguir: a saúde das persoas traballadoras ou o desmesurado enriquecemento económico
            O número de persoas paradas, a incerteza no posto de traballo, as taxas de temporalidade, as políticas desregulamentadoras a excesiva subcontratación e o traballo mergullado, entre outros, veñen sendo factores que nos sitúan nunha altísima taxa de precariedade laboral.
            A precariedade afecta á saúde de todas as persoas que traballan baixo os seus efectos, ao rebaixarse os estándares de seguridade e saúde laboral dos postos en precario, expondo a un número moi alto de persoas ante os riscos laborais e a sinistralidade. En especial a algúns colectivos particularmente sensibles e desprotexidos. Mulleres con máis traballos precarios que homes. Inmigrantes que traballan con escasa protección da súa saúde laboral, se non en situacións de clara explotación ou de traballo mergullado. Parados maiores con difícil recolocación laboral. Mozos con contratos temporais que ven dificultada a súa emancipación, o acceso á vivenda e a construción de proxectos vitais.
            A inestabilidade laboral que carrexa o traballo en precario conduce a unha progresiva precariedade social nas persoas traballadoras que miran o futuro con incerteza enfrontando máis trastornos de saúde (maior morbilidade, máis mortalidade por patoloxías cardiovasculares) e desequilibrios de tipo social (sentimentos de inferioridade, exclusión), familiar (perdas de confianza en si mesmo, rupturas, inestabilidade), psicolóxico (desestabilización emocional, ansiedade, depresión, peor saúde mental) e persoal (estilos de vida insáns) que as persoas que teñen un traballo estable.
            Non poden existir diferentes niveis de protección na seguridade e a saúde entre as persoas traballadoras en función da estabilidade do seu emprego, porque a saúde laboral non pode ser moeda de troque, nin sequera en tempos de crise económica.
           
Desde o STEG cremos que son necesarias medidas que aseguren a calidade no emprego e a seguridade e saúde laboral para as persoas que traballan:

  • Denunciar a precariedade como forma inaceptable de contratación laboral e incompatible con estándares admisibles de seguridade e saúde laborais.
  • Cumprimento da LPRL e a lexislación laboral de riscos laborais. Aumento dos niveis de control e inspección na administración e nas empresas co obxectivo de lograr situacións laborais sans, dignas e seguras.
  • Establecer políticas de empregos estables e salarios dignos. Incorporación de criterios contra a precariedade nos convenios colectivos. Eliminar as subcontratacións que supón riscos na seguridade e saúde das persoas que traballan.
  • Avaliación e prevención dos riscos laborais como principio para empezar a asegurar condicións dignas e saudables de traballo.
  • Adopción de medidas no mercado laboral que se opoñan á flexibilidade laboral e a desregulamentación do mercado de traballo, que loiten contra a falla de cohesión social que carrexa a precariedade laboral, as condicións de traballo insalubres e que eviten situacións de violencia laboral ou de xénero no traballo.
  • Esixencia de cambios na organización do traballo. Que se antepoña o benestar das persoas que traballan, a súa seguridade física e psicolóxica fronte á explotación, o abuso, a especulación e o enriquecemento económico.
  • Potenciación na Administración e as Empresas de Observatorios que analicen e supervisen as condicións en como se desenvolve o traballo e a súa influencia sobre a saúde laboral das persoas que traballan. Establecemento de indicadores de precariedade nos contextos laborais.
  • Establecemento de colaboracións entre a Administración Laboral e a Sanitaria para asegurar a protección da saúde laboral das persoas que traballan. Reforzo do servizo público sanitario para que chegue a ser proporcional ao número de persoas traballadoras e non se vexa limitado polo aumento da poboación.
  • Seguimento e avaliación da evolución das Enfermidades Profesionais. Modificacións na Lei da Seguridade co fin de recoñecer como enfermidade profesional aquelas relacionadas co traballo.
  • Establecemento de programas específicos para a protección dos colectivos en risco que impidan o seu traballo en precario. Avaliación deses programas para comprobar a súa efectividade.
  • Desenvolvemento do principio de igualdade entre os sexos na promoción da saúde e enfoque específico de xénero no tratamento de problemas de seguridade e saúde laboral.
  • Rexeitamento á reforma da Lei de Estranxeiría que reforza a supeditación ás leis do mercado laboral e non contempla ás persoas inmigrantes como persoas con dereitos. Loitar contra brotes de xenofobia e a permisividade con que se trata, así como co uso electoralista da inmigración. Acceso á cidadanía e dereito á reagrupación familiar das persoas inmigrantes.
  • Cumprimento da LPRL e a lexislación laboral de riscos laborais. Aumento dos niveis de control e inspección na Administración e as Empresas co obxectivo de lograr situacións laborais sas, dignas e seguras.
  • Establecer políticas de empregos estables e salarios dignos. Incorporación de criterios contra a precariedade nos convenios colectivos. Eliminar as subcontratacións que supón riscos na seguridade e saúde das persoas que traballan.
  • Avaliación e prevención dos riscos laborais como principio para empezar a asegurar condicións dignas e saudables de traballo.
  • Adopción de medidas no mercado laboral que se opoñan á flexibilidade laboral e a desregulamentación do mercado de traballo, que loiten contra a falla de cohesión social que carrexa a precariedade laboral, as condicións de traballo insalubres e que eviten situacións de violencia laboral ou de xénero no traballo.
  • Esixencia de cambios na organización do traballo. Que se antepoña o benestar das persoas que traballan, a súa seguridade física e psicolóxica fronte á explotación, o abuso, a especulación e o enriquecemento económico.
  • Potenciación na Administración e as Empresas de Observatorios que analicen e supervisen as condicións en como se desenvolve o traballo e a súa influencia sobre a saúde laboral das persoas que traballan. Establecemento de indicadores de precariedade nos contextos laborais.
  • Establecemento de colaboracións entre a Administración Laboral e a Sanitaria para asegurar a protección da saúde laboral das persoas que traballan. Reforzo do servizo público sanitario para que chegue a ser proporcional ao número de persoas traballadoras e non se vexa limitado polo aumento da poboación.
  • Seguimento e avaliación da evolución das Enfermidades Profesionais. Modificacións na Lei da Seguridade co fin de recoñecer como enfermidade profesional aquelas relacionadas co traballo.
  • Establecemento de programas específicos para a protección dos colectivos en risco que impidan o seu traballo en precario. Avaliación deses programas para comprobar a súa efectividade.
  • Rexeitamento á reforma da Lei de Estranxeiría que reforza a supeditación das leis ao mercado laboral ademais de non contemplar ás persoas inmigrantes como persoas con dereitos. Loitar contra os brotes de xenofobia e a permisividade coa que son tratados, así como co uso electoralista da inmigración. Acceso á cidadanía e dereito á reagrupación familiar das persoas inmigrantes.

Galiza a 27 de abril de 2009

Secretariado Nacional do STEG