| O STEG rexeita
o novo borrador de Estatuto Docente
POR QUÉ DICIMOS NON :
Para o STEG e a Confederación de STES-i o novo
texto presentado o 11 de maio non supón ningunha novidade: o
obxectivo do Estatuto Docente segue sendo o mesmo : introducir
mecanismos de xestión de persoal da empresa privada no ensino
público ademais de ter un marcado carácter centralista.
É, xa que logo, un proxecto regresivo e xerarquizante que non
recolle as propostas do STEG e doutros sindicatos, nin os compromisos
verbais contraídos polo Subsecretario do MEC na reunión
da Mesa Sectorial do día 18 de abril. En síntese, rexeitámolo
polo que segue:
- Carreira docente : fundaméntase na competencia
entre o profesorado e na avaliación voluntaria como forma de
adquirir os graos –que substitúen aos sexenios- e aumentar
as retribucións. Os graos, que se impoñen en todo o
Estado , adquírense nun tempo variábel en función
dos “méritos”.
- Retribucións : a conversión de “sexenios”
en “graos” non contempla o aumento nas retribucións.
O novo proxecto tampouco leva memoria económica .
- Xubilación LOE : contémplaa nas
disposicións transitorias, o que equivale a dicir –aínda
que non o diga expresamente- que se manteñen só ata
2011 , como di expresamente a LOE.
- Concurso de traslados : non asegura o modelo actual
de concurso e introduce a “ redistribución ” no
propio centro e a “ recolocación ” noutros centros
por “necesidades do sistema educativo”.
- Mobilidade do Profesorado : mantén o actual
sistema, acceso do grupo B ao A por concurso-oposición. O paso
á Universidade tan ambiguo e imposíbel como sempre.
- Corpos de Funcionarios : mantén os que
hai actualmente. Aínda que pasa ao Corpo de Mestres ao Grupo
A, sitúao no Subgrupo A2, polo que seguirá sendo de
inferior nivel e retribución.
- Saúde laboral do profesorado : segue sen
recoñecer as enfermidades profesionais dentro do ensino.
QUÉ PROPOÑEMOS :
Estamos como o 20 de xuño de 2006, cando o MEC presentou o
anterior borrador, xa que logo, o STEG e a Confederación de STES-i
esíxenlle ao MEC que retire este novo proxecto, que nada ten
de novo, e se sente a negociar outro que contemple, entre outras cousas,
o que segue:
- Corpos de Funcionarios : todo o profesorado debe
ser do Grupo A, Subgrupo A1 . Isto é, a reivindicación
histórica do “corpo único de ensinantes”,
que agora debe facerse realidade.
- Retribucións : aumento do complemento específico
en 250 euros durante o período de aplicación da LOE.
Esiximos que o proxecto se acompañe dunha memoria económica
que o garanta.
- Xubilación LOE : a nova redacción
debe formar parte do articulado, non dunha disposición transitoria,
como forma de que teña carácter indefinido.
- Concurso de traslados : debe asegurarse o modelo
actual de concurso. As prazas obtidas por concurso de traslados deben
ter garantías xurídicas de estabilidade
- Mobilidade : acceso do actual grupo B ao A por
concurso. A posibilidade do paso á Universidade debe explicitarse
máis claramente.
- Profesorado Interino : Estabilidade ata o acceso
definitivo á función pública docente
- Saúde laboral : recoñecemento das
enfermidades profesionais dentro do ensino.
Aínda que temos a seguridade de que o MEC non ten tempo material
para converter este proxecto en lei seguindo os trámites ordinarios,
é posíbel que a arrogancia do Subsecretario lle leve a
tentar calquera manobra para que chegue ao Congreso sabedor de que non
se tramitará nesta lexislatura. Tamén demandamos da Xunta
de Galiza que elabore un Estatuto da Función Pública Docente
adaptado á realidade do noso país. No caso de
continuar os trámites sen modificar substancialmente o texto
actual, serán NECESARIAS MOBILIZACIÓNS para o impedir
e desde o STEG non dubidaremos en convocalas.
Novo
borrador do Estatudo Docente
Secretariado Nacional do STEG
maio 2007 |