 |
Non á xerarquización,
á “carreira docente”, á meritocracia e ao
individualismo.
Si ao traballo colectivo e en equipo, á autonomía
e democratización dos centros, ao aumento dos cadros de persoal,
á diminución das ratios, a unha maior capacidade de
decisión dos órganos colexiados, á mellora
das retribucións.
Por un Estatuto que dignifique a tarefa
de ensinar. |
| |
|
| O
Estatuto formula un novo marco de relacións laborais
absolutamente descoñecido no ensino, competitividade
entre compañeiras e compañeiros e complementos
de produtividade, o que pode empeorar as relacións entre
o profesorado dos centros. |
|
1. ¿Que é o
Estatuto da Función Pública Docente?
O Estatuto é unha lei que pretende regular
todo o relativo á profesión docente: clases de funcionariado,
estrutura e ordenación, procedemento de selección,
mobilidade, dereitos e deberes, novo sistema retributivo, réxime
disciplinario, saúde laboral, etc.
O Estatuto nace como unha norma básica que afecta ao profesorado
de todo o Estado, pero numerosos preceptos quedan excluídos
como básicos, o que non obriga á súa aplicación
en todas as comunidades autónomas. Recolle tamén numerosos
preceptos que xa son lei, como os distintos corpos de ensino, a
asignación de funcións, o paso do grupo B ao A, a
forma de acceso, os dereitos e deberes, as faltas e sancións...
O Estatuto formula, porén, unha gran novidade: unha nova
forma de traballar nos centros. Formula, xa que logo, un novo marco
de relacións laborais absolutamente descoñecido no
ensino: o traballo en equipo e o compañeirismo poden transformarse
en competitividade entre compañeiras e compañeiros
e en complementos de produtividade, o que pode empeorar as relacións
entre o profesorado dos centros.
Para o STEG, conseguir un Estatuto Docente non foi —nin é—
un tema prioritario, pois a normativa existente é suficiente
para ordenar a función docente, pero outras organizacións
si levan tempo reclamando un Estatuto. O que reclamou historicamente
o STEG a través de STEs-Intersindical é o recoñecemento
do dereito á negociación colectiva, negada ao funcionariado,
ou as cláusulas automáticas de revisión salarial
en función da suba do IPC. E como criterio de negociación
destes asuntos sempre apostamos por unha norma básica de
mínimos a nivel de Estado e a negociación do desenvolvemento
das competencias en cada nacionalidade.
Existen dous precedentes nefastos sobre o Estatuto: un, o que realmente
existiu, que correspondeu durante o franquismo e primeiros anos
da Transición aos mestres e as mestras de Ensino Primario;
e o outro, que formulou o primeiro goberno socialista, que contiña
a carreira docente e os seus diversos graos, entre outros asuntos,
e que provocou como resposta unha gran folga do profesorado, unha
mobilización que obrigou ao goberno a retirar a súa
proposta. Posteriormente, cambiaron de táctica e as diversas
medidas que pretendían impor a través dun só
documento, baixo o epígrafe de Estatuto da Función
Docente, fóronse aplicando —ou polo menos tentárono—,
de forma separada e en anos sucesivos para non concitar unha fronte
común de tantos descontentos.
Na situación actual, non é que o goberno cedese ante
as presuntas “presións” dalgunhas organizacións
solicitantes, senón que utilizou a súa petición
de Estatuto como escusa para tentar desregular as condicións
de traballo do profesorado e introducir formas de xestión
das empresas privadas na función pública docente,
como ocorre cos complementos retributivos que pretende impor e coa
facilidade que a Administración se outorga para mover aos
seus empregados dun posto de traballo obtido por concurso. Convén
lembrar por tanto que, grazas á presión organizada,
o profesorado conseguiu paralizar outros intentos do Ministerio
de impor un Estatuto.
|
| |
|
| A
"carreira docente" modifica o concepto das retribucións
complementarias. Introduce o “grao”, que substitúe
aos sexenios, que desaparecen. Formúlanse oito graos,
desde o primeiro ao oitavo. O profesorado pode ser "degradado",
como sanción ante determinadas faltas. |
|
2.
¿Que é a ‘carreira docente’?
As novidades do Estatuto baséanse na “carreira
docente”, é dicir, a competitividade entre o profesorado
e a facultade da dirección dos centros ou/e da Inspección
Educativa de informar favorablemente ou non da avaliación
á que debe someterse todo o profesorado. Se esa avaliación
é “voluntaria”, “a carreira” será
máis rápida.
A “carreira docente” concrétase a través
dun novo concepto das retribucións complementarias, novos
compoñentes do complemento específico, conseguidos
previa avaliación do profesorado. Os compoñentes son:
Xeral.
Percibirao todo o mundo.
“Grao”. Substitúe aos sexenios,
que desaparecen. Formúlanse oito graos, desde o primeiro,
que cobra todo o profesorado, ao oitavo. Poderase ascender de grao
en función dos méritos adquiridos. Tárdase
en ascender entre tres e seis anos, aínda que non está
nada claro que ao cabo dos seis anos se consiga o grao se non se
conta coa avaliación positiva necesaria.
Función titorial.
Singular.
Destinado a algúns postos de traballo ou funcións.
Especial dedicación
ao centro. De carácter anual, non se consolida.
Pídese de forma voluntaria e só se cobra se se alcanza
a avaliación positiva. É compatible co desempeño
de cargos directivos e xefaturas de Departamento.
Ademais, Galiza e as outras comunidades poderán
estabelecer outras retribucións complementarias, como ata
agora.
Os méritos para conseguir o grao dependen
de criterios tan pouco claros ou tan arbitrarios como os que figuran
no art. 30.3. do proxecto de Estatuto:
- O recoñecemento da función titorial.
- A participación en proxectos de mellora da actividade docente.
- A avaliación voluntaria da práctica docente.
- A avaliación da formación continua.
- A asunción de tarefas e responsabilidades complementarias.
- A implicación coa mellora dos resultados do alumnado.
- A participación en proxectos de experimentación
e innovación pedagóxica.
- O desempeño de cargos directivos.
A eles hai que sumarlles “unha dedicación
horaria especial de carácter estábel ao centro ou
servizos educativos”, como marca o artigo 1.2 do proxecto
de Real Decreto sobre o complemento de especial dedicación
ao centro.
Pero a proposta do MEC non queda só nisto. A “carreira
docente” supón algo máis: o grao ten consecuencias
para a mobilidade, para o concurso de traslados e para a ordenación
do profesorado, en caso de cesamento ou supresión dalgunha
unidade ou praza. É dicir, uns mesmos “méritos”
servirán para varias cousas, o que sen dúbida provocará
un preocupante incremento do desexo de competir entre o profesorado. |
| |
|
| As
direccións dos centros e a inspección educativa
serán determinantes na avaliación do profesorado.
¿Quen se atreverá a cuestionar a persoas que despois
te han de avaliar? ¿Cantos docentes evitarán as
actitudes críticas, pola mesma razón?. |
|
3. ¿Que
é e quen realizaría a avaliación voluntaria?
É unha avaliación
que o profesorado pide individualmente que lle aplique a Administración
sobre a súa implicación no traballo diario, a súa
maior dedicación horaria ao centro, a súa aposta por
acabar co fracaso escolar, a súa formación permanente.
Solicítaa e realízaselle a quen queira ser avaliado
para tentar conseguir algún dos compoñentes do complemento
específico. Esta avaliación, porén, non valora
o día a día do traballo co alumnado.
Esta curiosa avaliación é a peza clave para a “carreira
docente”. A ela hase de someter o profesorado que queira ver
recoñecida a súa "especial dedicación"
para poder cobrar anualmente o complemento de especial dedicación
ao dentro e facer méritos para ascender de grao. Aínda
que o máis grave é que esa avaliación é
o elemento fundamental para consolidar a competitividade, para introducir
a produtividade e para fomentar o individualismo e tentar rematar
co traballo en equipo, un dos eixos claves do traballo do profesorado.
Resulta preocupante tamén que a asignación dos complementos
se basee na total arbitrariedade do sistema: non se valoran méritos
obxectivos, senón que se practica unha avaliación
de determinadas tarefas de forma subxectiva, sen criterios claros,
cuantificábeis, obxectivos.
A función das direccións dos centros e a inspección
educativa serán determinantes na avaliación do profesorado,
con evidente risco de submisión e servilismo. ¿Quen
se atreverá a cuestionar a persoas que despois te han de
avaliar? ¿Cantos docentes evitarán as actitudes críticas,
pola mesma razón? |
| |
|
| O
Estatuto estabelece unha "carreira docente" no sentido
literal do termo: correr e competir para chegar primeiro. O
MEC debe asumir que o ensino é un traballo en equipo,
un dos eixos claves da tarefa educativa, e que introducir e
incrementar a competitividade non é positiva. |
|
4. Outros aspectos
laborais agresivos do Estatuto. Redistribución.
A Administración poderá redistribuir ao profesorado,
con carácter definitivo, a outras prazas do mesmo centro
para as que se teña competencia
Recolocación.
Supón o traslado forzoso do profesorado definitivo a outro
centro de calquera localidade, designado pola Administración
educativa.
Concurso de traslados.
Non garante que os concursos sexan anuais, nin a alternancia do
concurso estatal co autonómico.
Libre designación. Deixa completamente aberta
a provisión de prazas por “libre designación”,
procedemento que se estabelece en proxecto de igualdade co Concurso.
Traballo e deberes docentes: Especifícanse todas as funcións
a realizar e todos os deberes, e ademais, pese a isto, engádese
ao final: “calquera outra que lle sexa atribuída pola
administración…”.
Profesorado interino. Mantén a precariedade
laboral e económica permanente para este profesorado, que
segue con contratos anuais e que non poderá optar na práctica
ao complemento de especial dedicación e terá pechada
a opción aos graos.
Saúde laboral.
Non achega nada novo, nin sequera se mencionan as enfermidades profesionais
propias da docencia.
Maiores de 55 anos.
Mantense a redución de haberes se hai redución de
xornada lectiva e non se responsabilizan doutras tarefas.
Horario e vacacións.
Mantense a xornada de 37,5 horas semanais, en lugar das 35. Estabelécese
un mes de vacacións en período non lectivo.
Réxime disciplinario.
As faltas e sancións e todo o relacionado con elas ocupan
un espazo preponderante no Estatuto.
Representantes sindicais. Non se recolle o dereito
da representación sindical a intervir en todo o concernente
á defensa dos dereitos do profesorado en temas como horarios,
cesamentos, cadros, baremos…
O profesorado pode
ser “degradado”, con perda dos graos
adquiridos, como sanción ante determinadas faltas, unha grande
novidade pouco estimulante. |
| |
|
| O
MEC debe asumir que o ensino é un traballo en equipo
e que introducir e incrementar a competitividade non é
positiva para a tarefa educativa. |
|
5.
Propostas do STEG ante a negociación do Estatuto Docente
Desde o STEG consideramos que a negociación
do Estatuto da Función Pública Docente debe servir
para dignificar a tarefa de ensinar, para mellorar as condicións
laborais das traballadoras e as traballadores do ensino. Para empeorar
non queremos ningún Estatuto e por iso propomos ao Ministerio
de Educación que revise profundamente as bases en que fundamenta
as retribucións do profesorado. O MEC debe asumir que o ensino
é un traballo en equipo e que introducir e incrementar a
competitividade non é positiva para a tarefa educativa.
Corpo Único.
Entendemos que nun período curto de tempo pode alcanzarse
o Corpo Único do Profesorado, dado que os estudos de Maxisterio
serán equivalentes á actual Licenciatura. Propomos
que este concepto se reflicta no Estatuto e que se tenda ao mesmo
nivel de complemento de destino, comezando polo nivel 24 para o
Grupo B e o 26 para o A.
Pagamento de titoría.
A tarefa de ensinar leva implícita a tarefa de titorizar
ao alumnado, polo que este complemento debe ser para todo o profesorado.
Complemento de especial
dedicación. En lugar deste complemento débese
aumentar a todo o profesorado o complemento específico xeral
en 250 euros durante o período de implantación da
LOE, comezando cos 60 euros (que o MEC e algúns sindicatos
acordaron e firmaron que se debía de pagar só a unha
parte do profesorado), como medida de apoio ante a implantación
da nova lei e dada a heteroxeneidade do alumnado.
Sexenios e Graos.
Rexeitamos, como sempre dixemos, os sexenios. Antes e agora supoñen
un complemento que debería ter equiparado as retribucións
complementarias do profesorado coas doutros funcionarios. Por iso
seguimos reclamando que a cantidade total que supoñen eses
sexenios se distribúa homoxeneamente desde o inicio da docencia,
como ocorre nalgunhas comunidades. Opómonos á introdución
dos graos, por ser moito peores que os sexenios, polo alto nivel
de subxectividade asociado á súa percepción.
A homologación económica dos traballadores e as traballadoras
do ensino co resto do funcionariado é un compromiso que ten
o goberno co profesorado, unha débeda que debe ser aboada
sen contrapartidas de formación nin similares, e que debe
ser aplicada á totalidade do colectivo, incluído o
profesorado interino e substituto.
Xubilación
aos 60 anos. O Estatuto debe recoñecer a
necesidade de que no ensino se manteña con carácter
indefinido a xubilación a esta idade ou aos 30 de servizo,
co máximo do haber regulador.
Saúde Laboral.
É necesario recoñecer un catálogo de enfermidades
profesionais do ensino e aplicalo de forma inmediata.
Profesorado interino.
Este colectivo debe ver recoñecido no Estatuto o seu dereito
a ser considerado como o resto do profesorado, con todos os seus
dereitos, comezando polo cobro dos trienios e a súa consolidación
na función pública docente.
Outras reivindicacións.
o debate sobre o Estatuto Docente coincide coa campaña electoral
das eleccións sindicais do 30 de novembro. Por iso, o conxunto
de reivindicacións do STEG inclúense no Programa Electoral,
que se pode consultar en: www.stegsindicato.org |
| |
|
Antes
do verán, présas. E agora, ¿por que se
paralizou o proceso? ¿Interesa evitar o debate? ¿Que
terá que ver con todo iso a celebración das eleccións
sindicais?
¿Que tipo de Estatuto asinarán despois das eleccións?. |
|
6. Tramitación
do Estatuto, eleccións sindicais e mobilizacións do
profesorado
Nestes momentos, a proposta de Estatuto Docente
está sobre a Mesa Sectorial de Educación do MEC para
que os sindicatos presenten as súas propostas. Tras esta
fase, o Consello de Ministros aprobará o documento como Proxecto
de Lei e iniciarase o trámite parlamentario antes da súa
aprobación polos Cortes e a súa publicación
no Boletín Oficial do Estado.
O acordo firmado o 20 de outubro de 2005 por algunhas organizacións
sindicais e o Ministerio fixaba o final das negociacións
sobre o Estatuto para o 30 de xuño de 2006, data na que tamén
pensaban facer efectiva a aplicación do complemento de especial
dedicación ao centro. Porén, ambas as dúas
partes non cumpriron os seus obxectivos declarados no prazo previsto
e permaneceron en silencio. Entón, ¿por que se paralizou
o proceso? ¿Interesa evitar o debate? ¿Que terá
que ver con todo iso a celebración das eleccións sindicais?
¿Que tipo de Estatuto firmarán despois das eleccións?
A tramitación legal do Estatuto prolongarase durante algúns
meses, nos que desde o STEG e os STEs traballaremos por informar
do contido da lei e das nosas propostas. Como sempre, no sindicato
recolleremos as reivindicacións do profesorado e presionaremos
para que o MEC reconsidere a súa posición e acepte
melloras no redactado actual. Será preciso que o Estatuto
recolla unha maior participación da Administración
galega que permita adaptalo á realidade do País.
O neoliberalismo instalado nalgunhas dependencias do MEC provocou
que algúns responsábeis confundan de maneira interesada
a xestión do ensino coa de calquera empresa. A actual proposta
de Estatuto Docente é un fiel reflexo desa filosofía
e por iso o STEG e STES-i formularemos ao profesorado e ás
organizacións sindicais a necesidade de convocar todo tipo
de mobilizacións a partir de agora e durante o tempo que
dure a tramitación parlamentaria do Estatuto.
Non se trata só de impedir que nos “degraden”,
senón de que se é o caso o Estatuto sirva para dignificar
a tarefa de ensinar e para mellorar as condicións de traballo
de quen traballa no ensino. Un Estatuto que non recolla estas propostas
é inaceptábel para o STEG. Se non vai ser así,
non queremos ningún Estatuto. |
|