|
Desaparecen ciclos formativos e non se escoita nada
Sorpresivamente, con nocturnidade e alevosía,
no tempo das primeiras lepiotas. Finais de Setembro. Sen previsións,
sen información, desaparecen e non escoito nada. A finais de Setembro!
Que pasa co profesorado afectado, a estas alturas cando os destinos definitivos
están adxudicados? Que pasa cos alumnos matriculados? Que pasa
coas localidades onde estaban implantados e que da noite para o día
son desprendidas desta oferta? Que pasará cos seus recursos, material,
instrumentación, talleres..., totalmente fóra de control
ao desaparecer do Centro o profesorado que os xestionaba? Que pasa cos
alumnos con módulos pendentes?.
Perdoade por tanta pregunta, pero é que non me pára a cabeza.
Finais de Setembro! Pero vou centrarme nunha pregunta e vou contextualizar
o que vos quero dicir. A pregunta: Por que desaparecen? A contextualización:
Son un profesor dun destes Ciclos suprimidos que foi informado que non
tiña praza para este ano o 23 de Setembro ás dúas
da tarde. Como vedes, son parte implicada.
Por que desaparecen e por que este silencio? A xustificación oficial
é que non se matricularon alumnos abondo. E non se matriculou suficiente
alumnado nun Ciclo que, nos anos que levo no Centro, nunca tivo problemas
de matrícula: o ano pasado mesmo contamos con 20 alumnos. A miña
resposta a esta pregunta é que hai moita xente interesada nisto.
Vexamos:
-
Unha Administración cunha política
claramente privatizadora de sectores públicos. Ao suprimir
a oferta regrada da F.P. abre a porta á xestión privada
de recursos e instalacións dos Centros Educativos a través
da oferta en formación ocupacional, formación para adultos
e máis cousas recollidas na nova lei de F.P. (LEI ORGÁNICA
5/2002 do 19 de xuño).
-
Centrais Sindicais interesadas e en predisposición
de facerse con eses recursos e esas instalacións para impartir
eses cursos de formación tan codiciados.
-
Os empresarios, que teñen -non esquezamos-
como principal interese o diñeiro. Están no seu dereito,
polo visto, pero non esquezamos que o noso interese é a formación
integral e igualitaria de cidadáns. A eles interésalles
máis a formación de traballadores abnegados e consumidores
compulsivos. E serán eses os intereses atendidos cando nos
Centros a F.P. regrada sexa sustituída por estes cursos de
formación á carta, deseñados por empresas e impartidos
por formadores privados. Por non falar da incorporación da
formación ao negocio das empresas.
-
Directores dos Centros Educativos. Peza interesante
de análise nesta engranaxe pois recae neles, moitas veces,
a estratexia de acoso e derribo aos Ciclos Formativos. Unha figura,
a do Director, cada vez máis alonxada do labor pedagóxico
(penso na creación deste novo corpo de Directores de Centros
Educativos) e máis próxima aos planeamentos empresariais.
Directores con poder. Directores que manexan cartos, contratos, prebendas...
Dá algo de medo o tema.
En fin, dixen ao principio que son parte interesada-perxudicada
e así quero que se entenda. Pero tal como o vexo, imos camiño
dunha formación profesional lixo para traballo precario, e de converter
a F.P. nun negocio con cargo a fondos públicos.
Xis Costa
Profesor de Sistemas Electrónicos
IES Espiñeira. Boiro
|