|
ARTIGOS DE OPINIÓN | SINDICATO DE TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO ENSINO DE GALICIA |
O "feito relixioso" da guerra
Estou
a preparar unha lección ¿ocasional? sobre a paz para os meus alumnos
de primeiro ciclo de Secundaria. Os ingredientes posibles para isto son múltiples
e variados; polo que me verei obrigado a seleccionar. Loxicamente -e xa que non
acredito na neutralidade científica- fareino desde o punto de vista dunha
educación en valores, porque é a miña obriga cidadá
e profesional, e porque eu tamén estou claramente posicionado en contra
das guerras e do terrorismo.
Haberá que comezar aclarando algúns
conceptos moi ao uso nos medios de comunicación: ONU, Consello de Seguridade
e dereito ao veto; distintas formas de medir a obriga de cumprir resolucións
segundo a quen estean dirixidas (o desarme do Iraq ou o de Israel a respecto de
Palestina; a dictadura de Sadam ou a de Marrocos con relación ao Sahara);
guerra preventiva; fundamentalismo relacionado tanto con Cristianismo como con
Islamismo; grupos terroristas e terrorismo de Estado; guerra, xustiza e legalidade;
multinacionais e novos xeitos de colonización; materias primas, consumo,
fontes de enerxía, dereito de propiedade; armamento atómico, químico
e bacteriolóxico; efectos colaterais, armas de destrucción masiva
e bombas intelixentes (¡aplicarlle este termo a artefactos cargados de morte!);
obxectividade e dereito a unha información veraz; convivencia pacífica,
diplomacia, diálogo e resolución negociada dos conflictos.
Será
preciso que investiguen, que escoiten a radio, que lean os xornais e vexan os
telexornais, que consulten a través de Internet varias fontes sobre estes
asuntos e despois expoñan en clase o que seleccionen. Isto hanos servir
para confrontar diversas ideas e ir obtendo algunhas conclusións.
Pero
aquí xúrdeme unha dúbida, ¿caberá esta reflexión
dentro do chamado 'feito relixioso' que o Goberno do PP vai impor nos centros
educativos, como alternativa ao ensino da relixión católica, e con
un número de horas superior á Educación Física, á
Educación Plástica ou ás propias Ciencias Naturais? ¿Como
lles vou explicar ás rapazas e rapaces que o Goberno deste país
e o Parlamento -dous dos tres poderes da democracia (ademais de banqueiros, bispos,
militares e medios de comunicación)- apostaron pola guerra como xeito de
solución dos conflictos, como escusa para a rapina e a apropiación
das riquezas do subsolo iraquí, o segundo máis rico do mundo en
petróleo? ¿Como lles vou falar da Unión Europea, como organización
política, económica e social? ¿Cal é o referente para
lles falar de valores de paz e democracia? ¿Como lles hei inculcar o respecto
aos nosos gobernantes, se non se fan acredores do mesmo e, ademais, din cumprir
unha misión divina?
Seguramente imos ter que recorrer á voz
popular expresada por millóns de persoas nas rúas de todo o mundo,
como un auténtico clamor contra a inconsciencia de algúns dirixentes.
Iso levaranos a interrogarnos sobre o que queren dicir as pancartas que aparecen
nas fotos con textos que rezan: 'Non máis sangue por petróleo',
'Ningunha guerra é xusta nin legal', 'Non ao intervencionismo ianqui',
'Non ao imperialismo de Bush e dos seus acólitos Blair e Aznar',... É
moi probable que, finalmente, concluamos que teremos que volver saír a
concentrarnos ao patio do Instituto ou á praza da vila, como xa fixemos
hai un par de semanas, lendo uns poemas e un manifesto e entoando unha canción.
¡Que perigosos son os que actúan porque din que teñen
unha 'misión transcendental' que cumprir, os que se cren designados pola
súa divindade para salvar a Humanidade!
Manuel Marrero Morales (Mestre)
| Artigos de Opinión | Portada STEG |