|
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
Lei
Orgánica de Educación LOE e Calidade vistas desde a dereita O pasado día 12 de Novembro tivo lugar a grande
cita da dereita contra o proxecto educativo do goberno Zapatero. Centos
de miles de persoas se manifestaron en Madrid convocadas a golpe de
mentiras, de igual xeito que noutras convocatorias por diversos temas
desde Marzo de 2004, isto é, desde a perda do goberno central
por parte do PP. Dixéronlles que a LOE vai impedir estudar relixión
católica nas escolas e institutos, que a LOE non garante o dereito
das familias a escoller centro, que esta Lei non serve para combater
o fracaso escolar, que a LOE pechará a billa dos concertos cos
centros privados, que a nova lei permitirá 17 sistemas educativos,
un por cada C.A., que, enfín, o goberno Zapatero non dialoga
e incumpre o seu compromiso de consensuar a Lei. A LOE vai impedir estudar relixión católica? Todo o contrario: contempla a obrigatoriedade dos centros de ofreceren a materia de relixión católica e remítese, igual que a lei do PP, aos acordos Igrexa-Estado franquistas renovados e actualizados en 1979, (Disposición Adicional 2ª da LOE). En virtude disto, e convén repetilo pois hai aínda quen o descoñece, a Administración pública paga integramente as retribucións do profesorado de relixión católica, elixido pola xerarquía eclesiástica, e que ascende a uns 17.000 traballadores, (fronte aos escasos 150 profesores doutras confesións). Este pago, non obstante, é independente do financiamento directo que esta igrexa recibe dos orzamentos xerais do Estado: uns 144 millóns de euros en 2006. Así mesmo, a igrexa católica aglutina ao 65% do alumnado da privada concertada, polo que recibe uns 2.600 millóns de euros. Ademais, a igrexa católica é a única confesión que non paga IVE nas súas compras nin imposto de sucesións e donacións. Por outro lado, a día de hoxe a única opción para colocar esta materia no horario escolar é a que levamos sufrindo os últimos anos: Relixión dentro do horario habitual, con dúas sesións semanais, e unha Alternativa á Relixión como área de actividades que teñen por único fin consumir o tempo no que o resto do estudantado está en clase de Relixión. A LOE non garante o dereito das familias a escoller centro? No seu artigo 109.3 garante isto claramente, sen outra limitación que a de que haxa máis solicitudes que prazas nun determinado centro. Mantéñense para este caso os criterios que as leis anteriores repetían para a admisión de alumnos: proximidade ao domicilio, renda familiar, presenza de irmás ou irmáns no mesmo centro. Porén, os centros concertados sempre conseguiron burlar impunemente estes criterios co fin de elixiren, na práctica, o seu alumnado. A LOE non serve para combater o fracaso escolar? Todas as leis educativas nacen con este leif motiv, ou sexa, mitigar o alto nivel de fracaso deixado polo goberno anterior. E isto en base a informes da maior solvencia: neste caso informe PISA e informe Europeo. A LOE non é unha excepción e dispón de planos de apoio e reforzo para frear o fracaso, establecendo dúas avaliacións de diagnóstico, aos 9 e aos 13 anos, para mellorar a aprendizaxe daqueles que o precisen, volvendo á recuperación de materias pendentes en Setembro, á repetición en todos os cursos da ESO. Fora xa a Lei de Calidade, precisamente, quen propuxera todas e cada unha destas medidas como grande panacea do que daquela se chamou “cultura do esforzo”. A LOE, neste caso igual que noutros, incorpora tamén isto. A LOE impedirá novos concertos cos centros privados? Moito ao contrario, o sistema e ritmo de concertación vaise manter e incluso acrecentar, pois incluirá agora ensinanzas non obrigatorias, como por exemplo a Educación Infantil no seu tramo de 3 a 6 anos. Hai, ademais, unha clara tendencia privatizadora dos programas de iniciación profesional. Aumenta o diñeiro para centros concertados por escolarizar alumnado con necesidades específicas. Increméntanse as partidas económicas para pagar a dirección non docente e o persoal de administración e servizos dos centros concertados. O ensino público, no entanto, segue sen lei de financiamento. Lembremos, a este respecto, que foi o PSOE quen estableceu o actual sistema de concertos a través da LODE que, vinte anos despois, ofrece uns números de escándalo: o Estado subvenciona con case 4.000 millóns de euros a practicamente 4.000 colexios concertados. Coa LOE haberá 17 sistemas educativos?
Non hai modificacións de leis anteriores nesta dirección:
establécese de novo que o goberno central decretará, como
máximo, o 55% dos horarios escolares para CC.AA. con lingua cooficial
e o 65% para as demais. Esta fórmula –LOXSE- xa se viña
aplicando desde hai 15 anos, tanto por gobernos do PSOE como do PP. LOE ou a Calidade vista desde o centro político Pois ben, a pesar de todo isto, a CONCAPA considera que se a Lei non é a que eles queren, non haberá posibilidade ningunha de acordo. O seu presidente asegurou que, aínda que o Parlamento a aprobe, non a aceptarán (!). Pola súa banda, o PP non ten como proposta de partida modificar a lei naqueles aspectos que rexeita, senón que reclama do goberno que a retire para empezar a falar. A pesar do anterior, o gabinete de Educación
do goberno Zapatero apresurouse despois da manifestación a enviar
un documento detallado á dereita onde se lle fan concesións
e se lle dan garantías expresas sobre os seguintes aspectos:
a gratuidade (léase concertación) da educación
infantil de 3 a 6 anos; a unidade básica do sistema educativo
español e as ensinanzas comúns; o establecemento dunha
avaliación xeral do sistema, así como dun sistema estatal
de indicadores da educación que terá como fin “o
apoio e a orientación” na toma de decisións das
administracións educativas autonómicas; a esixencia do
esforzo individual dos alumnos como condición para o progreso
educativo; a redución de 3 a 2 materias suspensas para non repetir
curso; o restablecemento en 4º de ESO dos tan denostados “itinerarios”
da Lei de Calidade; a posibilidade de pasarse aos programas de cualificación
profesional aos 15 anos; o dereito das familias a esixir do sistema
educativo formación relixiosa confesional; a aclaración
de que a educación como servizo público préstase
tanto a través da rede de centros públicos como da rede
de centros privados concertados; a liberdade de elección de centro;
o fortalecemento da función directiva, etc. Francisco Legaspi |