A
reforma educativa e as armas dos nosos bisavós E
non será que, como Don Quixote, pretendemos transformar unha realidade
que non nos gusta coas armas dos nosos bisavós? A asignaturización
do currículo, o enciclopedismo dos programas, a actual formación
inicial do profesorado, os libros de texto tradicionais, a rixidez na distribución
de espazos e tempos, son ferramentas tan ferruxidas como o capacete que Don Quixote
pretende converter en celada. E talvez a relación non debe rematar
aquí: a tendencia a reclamar dos docentes máis e máis tarefas
fronte á imperiosa necesidade de multiplicar os perfís dos profesionais
que han de traballar interdisciplinariamente nos centros educativos; o empeño
en manter a homoxeneidade das clases separando a alumnos e alumnas academicamente
"diferentes" fronte á posibilidade de facer cadrar nunha mesma
aula a diversos educadores; o afán por axeitar o horario escolar á
xornada laboral dos adultos fronte á imprescindíbel redución
desta última, son quizá algunhas das nosas máis ferruxidas
armaduras. Das moitas aproximacións ao Quixote que poidemos
ler neste ano de efemérides, poucas atoparemos tan lúcidas como a que hai xa máis
de trinta anos efectuara José Antonio Maravall e que, probabelmente, foi a ollada
do propio Cervantes cara a súa creatura. En Utopía y contrautopía en "El Quijote"
deslinda Maravall a cosmovisión do fidalgo, comprometido nobremente na transformación
dun mundo en crise, e a de Cervantes, amargamente desenganado perante a tentativa
de tantos dos seus contemporáneos na procura de superación do presente a través
dun pasado polo que senten saudades. Quizá se Cervantes vivise hoxe podería escribir
unha parodia análoga, a metade de camiño entre a bulra e a amargura, en torno
da nosa pretensión de reformar a educación sen máis horizonte que o que reflecte
o retrovisor. Redefinamos cara onde queremos camiñar e como vamos facelo.
Reescribamos o noso propio discurso da Idade de Ouro, mais evitemos que a idealización
nostálxica do pasado nos cegue. Evitemos tamén que sexa un futuro deliñado polas
leis do mercado o que dicte os perfís que han de ter os futuros cidadáns, despoxados
de feito da súa condición de tales e reducidos á de eficaces traballadores -cualificados
nos procedementos pero descualificados nos fins- e voraces consumidores. Precisamos
de escolas inclusivas e non segregadoras, competentes e non competitivas. Precisamos
homes e mulleres cuxa búsola sexan os problemas que aínda hoxe acucian ao ser
humano tanto no plano individual como no colectivo, con ferramentas para abordalos
e comprometidos con eles. Enfocar os procesos de ensino-aprendizaxe exclusivamente
desde as disciplinas académicas e non desde as cuestións que ameazan a felicidade
do planeta en que habitamos provoca, por veces, un divorcio tal entre a vida real
e a vida nas aulas que a linguaxe dos docentes resulta con frecuencia tan arcaizante
como a do fidalgo manchego. Precisamos escolas á altura dos tempos, e isto
require profundas transformacións nas estruturas educativas e profundas reformas
sociais. De non facelo así, profesores e profesoras seguiremos desembarcando nas
aulas facendo xurar aos nosos estupefactos interlocutores que Dulcinea (ou a estrutura
do átomo ou a filosofía de Aristóteles ou as ecuacións de segundo grao ou as rochas
sedimentarias ou a música de Haydn ou o xenitivo saxón) é a máis fermosa das mulleres
da terra. E eles, os nosos estupefactos interlocutores, como aqueles mercaderes
toledanos aos que non lles era dado xulgar por si mesmos, oscilarán entre a indiferenza,
a burla ou a crueldade. Porque insistir en planos de acción
titorial centrados en resolución de conflitos mentres todo ao noso arredor rezuma
violencia; insistir na necesidade de formar espíritos críticos mentres todo convida
á asunción indiscriminada de consignas alleas; insistir na conveniencia dunhas
regras de xogo comúns cando se pretende estabelecelas por vía dos contidos e non
dos valores; insistir na importancia da aprendizaxe cooperativa cando todo, desde
o mesmo sistema de avaliación, é brutalmente individualista e competitivo...,
é falar unha dobre linguaxe que, no mellor dos casos, desconcerta aos adolescentes.
Repitamos máis unha vez que aprenden, non o que lles dicimos que aprendan, senón
aquilo que viven diariamente dentro e fóra das aulas. Guadalupe
Jover Profesora de Secundaria
|