Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio
A FORMACIÓN PROFESIONAL E O NOVO GOBERNO

Durante as últimas semanas falouse e escribiuse sobre as mudanzas que se deberían producir en Educación co cambio de goberno e a chegada da esquerda, xunto co apoio, puntual ou non, dos nacionalistas; pero as análise non eran globais, reducían-se a dous ámbitos, á Universidade, coa necesidade de modificar substancialmente a LOU, e ás agora chamadas Ensinanzas Escolares (Ed. Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato), coa necesidade de derrogar a LOCE, acabando cos seus intentos privatizadores e demais despropósitos.
Deixábase á marxe a Formación Profesional, esta importante etapa educativa e formativa que, caso da integración real e práctica dos tres subsistemas existentes, pode chegar a afectar a máis de 15 millóns de cidadáns e cidadás. Non só se deixaba sen analizar, senon que nin sequera se facía referencia á Lei Orgánica 5/2002, de 19 de xuño de 2002, das Cualificacións e da Formación Profesional.
Agora, cando comeza a funcionar o novo goberno e cando se retoman as contrarreformas impostas polo PP en Educación nos últimos anos, é preciso tamén falar de FP e pedir ao goberno que, co diálogo e a negociación correspondentes, máis que modificar esta lei, chegue á conclusión de que é necesario redactar unha nova lei.
A Lei que regula a FP ten a dubidosa honra de ter no seu haber polo menos tres recordes: as nove emendas á totalidade presentadas no Congreso; os 25 segundos que tardaron os senadores do PP en rexeitar na xuntanza do Relatorio as 227 emendas que presentou a oposición; e o feito de se ter tramitado con carácter de urxencia e de ser unha perfecta descoñecida en case todos os ámbitos do Ensino.
Os STEs en xeral e o STEG en particular, fomos a única organización sindical de ámbito estatal que se opuxo realmente a esta lei -outras organizacións apoiárona no Consello Xeral da FP, -aínda que facían que a rexeitaban noutros ámbitos de representación-, e levamos a nosa oposición a todos os ámbitos posíbeis: centros de traballo, mesa sectorial do MEC e Consello Escolar do Estado; aínda que, debemos de recoñecelo, non fomos quen de facer desta lei un centro de atención, nin da parte da cidadanía interesada nos temas educativos, nin dunha boa parte do profesorado deste ámbito educativo, pese a divulgar múltiplos documentos de análise e propostas en numerosas revistas e xornais, difundir un cartaz alusivo e visitar numerosos centros educativos explicando a situación á que nos podería abocar a aplicación desta lei. E non o fomos por varias razóns, entre as que queremos destacar os continuos globos-sonda da Ministra de Educación sobre os contidos da futura lei de calidade -que captaban toda a atención mediática-, a connivencia do resto das organizacións sindicais coa administración educativa e o pouco interese real dos partidos políticos estatais que estaban contra a lei en publicitar a súa oposición.
Os voceiros dos partidos da oposición no Congreso fixeron todos eles discursos moi críticos coa proposta do goberno, incidindo en temas tales como a falta de análise da situación actual da FP e o grao de cumprimento dos obxectivos do II Plano Nacional de FP; denunciouse que a lei menoscababa e invadía as competencias das comunidades autónomas en Educación, e Esquerra Republicana de Catalunya calificou a maioría do PP de "maioría absoluta de usurpación". Calificouse o proxecto de centralizador e homoxeneizador, de carecer de financiamento para as medidas que se proferían; de falta de democracia na xestión dos centros de "referencia"; de se ignorar as cuestións curriculares e pedagóxicas. Todos os voceiros tamén cadraron en calificar esta lei de "obsoleta", de ser, en definitiva, unha volta atrás no concepto de FP ao destinala ao alumnado que fracasa na Educación Secundaria Obrigatoria...
Dos discursos pronunciados en defensa das emendas á totalidade hai que destacar tres citas do ben construído discurso de Amparo Valcarce, que detentaba a portavocía en Educación do Grupo Socialista no Congreso: "(...) o proxecto seméllanos irresponsábel e improvisado (...); nós augurámoslle, desde entón, o máis completo fracaso (...); nos ciclos formativos estabelécese un sistema de accesos e pasarelas nos cales non se garante a formación académica axeitada, senon que o que aquí estamos a ver é unha reconstrución do vello sistema de 1970; un sistema obsoleto, caduco e fracasado; velaí a proposta que aquí se nos fai.".
No seu paso polo Congreso o PP admitiu 19 emendas da oposición (3 de Coalición Canaria para que este partido se sumase a eles na votación final), das 250 presentadas; moita mellor sorte tiveron as emendantes que as súas colegas do Senado: ningunha emenda aceptada das 227 presentadas, e en 25 segundos, como dicíamos ao princípio.
Oito comunidades autónomas pronunciáronse claramente contra o contido desta lei por diferentes motivos, aínda que só o Parlamento de Cataluña presentou un recurso de inconstitucionalidade, por invasión nas súas competencias, que segue o seu trámite.
Desde a Confederación de STEs-Intersindical, participando das críticas anteriores, afondabamos no fondo dos obxectivos da lei e denunciamos durante a tramitación da lei, e seguimos a facelo agora, que a lei supón a tentativa clara de privatizar a FP equiparando a validez das cualificacións obtidas cos Títulos académicos, de xeito que se desvalorice a FP inicial/regulada, xa que se desprezan os contidos humanísticos. Nesta liña hai que dicir que se infravalora tamén a función docente, pois o profesorado verá como se "regalan" títulos equivalentes académica e profisionalmente aos estudos que o seu alumnado tarda dous cursos en conseguir tras a adquisición de coñecementos de todo tipo. O STEG critica que esta lei convirta a FP nun grande negocio, con cargo aos fondos públicos estatais e europeos, permitindo a empresas, academias de todo tipo, sindicatos, impartir ensinos de FP.
Con esta lei non se integran nin se ordenan os tres subsistemas existintes, supedítase a FP regulada ao mundo empresarial e ás cualificacións, e permítese a explotación laboral das persoas que opten polo camiño máis curto, isto é, o da cualificación profesional para, conseguida esta, tentar buscar traballo remunerado .
O STEG e a Confederación de STEs-intersindical propoñemos que o novo goberno poña tamén en primeiro plano a Formación Profesional, paralice a aplicación desta lei e redacte un novo proxecto que dignifique definitivamente os estudos de FP, que integre verdadeiramente os tres subsistemas existentes e que considere o centro educativo como o eixo de toda a Formación Profesional, tal e como reclamou no seu día o Pleno do Consello Escolar do Estado.

Augusto Serrano
Membro do Consello Escolar do Estado
en representación da Confederación de STEs-Intersindical