|
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
PRÉDICAS IDEOLÓXICAS Nun momento no que as noticias sobre os resultados do sistema educativo español demostran que estamos no furgón de cola de Europa, as direccións dos centros concertados e privados, algún sindicato, asociacións de pais católicos e mesmo a igrexa desa mesma confesión, erguen a súa voz contra a Lei Orgánica de Educación centrando as súas protestas unicamente no, segundo eles, maltrato que a devandita reforma infrinxe á Relixión Católica. E poño isto último con maiúsculas porque parece que no estado español a única relixión que se profesa é a católica. Hai anos, cando aínda non se inventaran os concertos educativos, quen quería formar ás súas crianzas en centros de elite (case todos relixiosos, por certo) pagaba do seu peto o capricho. Mesmo había familias que hipotecaban as súas facendas por “presumir” de ter aos fillos e fillas en centros con caché. Pasado o tempo e despois da explosión demográfica dos anos 60 e 70, momento no que os gobernos non souberon (ou non lles conviña) inverter fondos na construcción de edificios públicos que albergasen a tan lata poboación estudiantil, atopamos que ese ensino público, gratuíto, laicista e de calidade que garante a Constitución como dereito inalienable da poboación española, non só pasou a estar en mans de empresas privadas, financiadas con fondos públicos, (derivados dos impostos pagados por españolas e españois de todas as confesións relixiosas), senón que agora temos que tragar que eles e só eles se ergan como os gardiáns e garantes do sistema educativo español. A manifestación convocada por asociacións de pais de alumnos, respaldada pola dereita máis rancia do estado e pola alta xerarquía eclesiástica católica para o sábado 12 de novembro en Madrid demostra unha vez máis que en España imos andando como os caranguexos: cara atrás. E demostra, así mesmo, que a universalidade das ensinanzas cristiás que os predicadores dominicais verten desde os púlpitos cada domingo non son máis que universalidades só para as familias ricas que, acostumadas a que as pobres as sirvan de gratis, pretenden que os poderes públicos lles faciliten, tamén gratuitamente, os medios para seguir enchendo as súas arcas monetarias e ideolóxicas, marxinando así aos grupos sociais minoritarios que, ademais de traballar en precario, vivir na clandestinidade, atoparse lonxe das súas raíces e servindo por catro cadelas a quen ten o poder, se atopan pechados no gueto de vivendas infrahumanas e tendo só a alternativa de formarse en centros públicos mal asistidos tanto económica como profesionalmente. E que despois, o profesorado dos centros públicos faga encaixe de Camariñas para integralos. Pero aínda hai algo máis: non só
defenden a desviación de fondos públicos cara aos centros
privados (católicos case todos eles) senón que mesmo protestan
porque a asignatura de Relixión Católica deixe de ser
avaliable. Agora o sistema educativo para ser de calidade ten que guiarse por idearios ideolóxicos e relixiosos que recollen as prebendas das clases sociais máis privilexiadas dun estado. Agora nas escolas seica hai que educar para que nenos
e nenas anden a cobadazos por ver quen chega antes ao cumio da pirámide,
en constante competencia coa incompetencia dos e das máis competentes
(de peto, claro). Agora traballar nas escolas cos eixos transversais antes mencionados chámase educar na libertinaxe. Agora as e os docentes que temos máis de 20 anos de servizo seica somos libertinas/os. Agora quen defende a identidade da súa terra e inculca no seu alumnado o amor pola cultura que mama desde que nace, quen fala na lingua dos seus ancestros, quen intenta ver o mundo cunha óptica progresista e integradora, quen ve na diversidade do estado a súa propia riqueza, quen se manifesta solidaria co verbo e cos feitos, quen visibiliza e defende os dereitos das mulleres, seica non é decente. Porque agora, quen pensamos así, seica xa non
somos decentes. Nin docentes, polo que se deduce. Católica practicante, ganas me dan os domingos
de subir ao púlpito e dicirlle catro cousas. Pero claro, sería
excomulgada e perdería o meu dereito a escoitar esa palabra de
Deus que tan sabiamente defende o dereito á vida, a diferencia,
a integración e á LIBERDADE. Concha L.
F. |