Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio

¿QUEN PODE RESPONDER A ISTO?

Cada mes de setembro saen á palestra dos medios de comunicación de masas as persoas con responsabilidades políticas no ámbito educativo para expor o marabilloso que se presenta o inicio do curso escolar, describindo un idílico panorama sen problemas máis graves que o do pranto de nenos e nenas que por primeira vez se ven inmersos na confusión á entrada das escolas, onde se mesturan as nais que saúdan aos profes, as profas que saúdan aos pais, as "¿Que fixeches no verán? Eu fun a Normandía coa tía Amelia". "Pois eu aprendín a ceibar as ovellas coa miña avoa". "E a min compráronme un teléfono móbil con bluetooth, e iso que suspendín oito".
E digo eu: ¿Alguén pode asegurarme sen medo a errar que iso é realmente así? Porque claro, unha traballa no ensino, goza co ensino e padece tamén con ensino cada mes de setembro. E non simplemente por aquilo do stres postvacacional. A saber:

  • ¿Como se entende que cada mes de setembro haxa sempre algún posto de traballo sen cubrir nos centros porque a persoa (definitiva ou provisional) que debe ocupar o posto de traballo presentou parte de baixa a finais de agosto e aínda está sen nomear alguén que a substitúa?
  • ¿Como se entende que se cubran postos de traballo por persoas que non teñen habilitación para desempeñar tales postos e se deixe a pataca quente da calidade do ensino na man desas persoas traballadoras que, para máis INRI, traballan en moitos casos, con contratos en precario?
  • ¿Como se entende que o profesorado que ten que compartir centro non reciba compensación algunha por desprazamentos e, sen dicilo expresamente en norma algunha, se dea por feito que o carné de conducir, o coche, o prezo do gasóleo, as pólizas de seguros, etc. son condicións necesarias e suficientes para dedicarse á profesión de mestra/e?
  • ¿Como se entende a calidade da oferta educativa pública para a poboación de 0 a 6 anos, se non existe rede pública de centros a tales efectos e en lugar de pórse mans á obra, non só non se limitan os concertos educativos, senón que se amplían?
  • ¿Como se entende que se deixe a responsabilidade do control e aplicación dos programas de gratuidade de libros de texto única e exclusivamente en mans dos equipos directivos e do profesorado que, boamente, queira colaborar?
  • ¿Como se entende que, sen mediar máis explicacións, se amplíen ditos programas durante o mes de vacacións para a Administración e sen dar máis instruccións que as que van soltando por contagotas na prensa?
  • ¿Como se entende que desde as instancias educativas se vele pola calidade dos e das profesionais que saen das escolas de F.P., cando a LEI de F.P. adoece precisamente diso, de calidade e se deixa a oferta ao albur da demanda das empresas a concesión de ciclos formativos a entidades privadas?
  • ¿E o transporte escolar, os comedores, os horarios de apertura dos centros para atender as necesidades da poboación traballadora, as dotacións de persoal cualificado para atender necesidades educativas especiais, os programas de prevención de riscos laborais, os protocolos de actuación para casos de acoso entre iguais, a integración de minorías, o corpo único de ensinantes,...?

Estas e moitas máis cuestións me quentan a cabeza cada mes de setembro. E aquela de que, logo en xaneiro, o incremento salarial vai ser alucinante. Como se con catro cadelas e un cento de palabras baldías se puidese compensar o esforzo da inmensa maioría dun colectivo de traballadoras e traballadores da empresa máis potente do estado que, máis que polo salario, parece que traballa por amor á arte. Á arte de traballar. Claro que, como din as malas linguas, para o que traballamos e para os moitos días de lecer que temos ao longo do ano, seica ben nos chega. Polo demais, as redes de centros públicos, son perfectas; as catalogacións de postos de traballo están ao día e as ratios de alumnado por aula son as idóneas para que a calidade do ensino na nosa comunidade e no estado sexa a mellor que se pode conseguir... para estar á cabeza dunha lista de países onde o fracaso escolar case iguala ao éxito.
É unha mágoa que quen nos representa maioritariamente nos foros onde se debaten salarios, condicións laborais e calidade do ensino, se poña máis empeño en saír na prensa que en defender a sangue e lume a verdadeira calidade. Nos votamos e, ás veces, así nos loce o pelo.

Concha L. F.
Mestra de Ed. primaria
Setembro/2005