A
voltas co Acoso Escolar (bullying). AS COUSAS NO SEU SITIO A
cada titular de prensa que lemos, faise máis evidente a necesidade de centrar
o debate sobre o acoso escolar ou bullying nos diferentes eidos en que este se
produce e reorientar as intervencións máis axeitadas. Son ben
seguros o impacto informativo e a transcendencia social que sucesos como os acontecidos
en Hondarribia o ano pasado e en Elda, máis recentemente, producen na sociedade
e nas comunidades educativas. Alumnado, profesorado e familias fanse preguntas
que non sempre obteñen respostas. A sociedade, en xeral, sempre que ocorre
algo así, escandalízase e necesita "personificar" a culpabilidade
nunha sorte de proceso colectivo, sumarísimo e litúrxico que permita
dixerir o acontecido e seguir avanzando. Como consecuencia, no espello dese
debate social, os medios de comunicación, vense reflectidas acusacións
explícitas ou veladas ás actuacións e comportamentos de quen
está máis preto das nosas mozas e mozos e adolescentes na escola,
o profesorado: "tiñan que ter feito algo", "denunciouse
e non se fixo nada", "é o seu traballo, para iso lles pagan",
"o profesorado pode ser o primeiro culpable do acoso", etc. Por unha
parte, escenifícase, así, a confrontación da sociedade coa
"súa" escola e por outra simplifícase ata o reducionismo
máis plano o proceso culpabilizador, dando unha visión sesgada e
interesadamente exculpatoria, impedindo, así, o necesario compromiso colectivo
para a súa abordaxe. Sorprende a confrontación da sociedade polo
que ocorre na "súa" escola. Si, porque non se debe tratar a escola
como unha entelequia abstracta. É a escola da sociedade. A súa escola.
Cos valores, dinámicas e conflitos que as e os adultos promovemos nela.
¿Ou é que o acoso escolar é moi diferente ao maltrato a mulleres
no eido doméstico ou ao acoso psicolóxico no traballo ou mobbing
no eido laboral? ¿Qué valores están detrás destas
formas de acoso? O uso abusivo do poder, a lei do máis forte, todo vale
con tal de lograr o obxectivo, o silencio covarde e interesado de quen se sitúa
a favor de quen ten e exerce o poder aínda que sexa abusivamente, etc.
¿Ou pensamos que na cima dos valores que promocionamos na nosa sociedade
están a compasión, o consolo, a axuda, a amizade, a mágoa,
a colaboración, a piedade, a cooperación, etc.? Tomémolo
a serio. A escola non reflicte máis que os valores que a sociedade promove,
que todas e todos promovemos. ¿Cómo podemos loitar no eido escolar
contra eses valores se non empezamos todos e todas cambiándoos na sociedade
á que se lle pretende responder? Xa pasou un ano do primeiro "bullicidio"
recoñecido dun escolar por mor do maltrato entre iguais. Con este motivo
estamos vendo e veremos titulares, cifras, porcentaxes, incidencias, etc. Máis
alá do escándalo mediático que supoñan, debemos preguntarnos
se neste tempo e na carreira de fondo futura que supón loitar contra o
bullying, cada persoa desde a súa competencia e actitudes, facemos algo
para fomentar, con quen temos á beira, valores contrarios aos que están
detrás do fenómeno do maltrato por abuso de poder. Na medida en
que o fagamos estaremos gañando a batalla a quen non ve outra maneira posible
de convivencia. Na medida en que o fagamos estaremos acumulando autoridade moral
para xulgar.
José María Avilés Martínez
Membro do Secretariado Confederal da Confederación de STEs-Intersindical |