BULLYING:
VIOLENCIA INTERPERSOAL Con certo artificio, que se non
fose habitual pensaríamos que é hipocrisía, a sociedade separa
e valora os distintos tipos de violencia ao noso arredor. Reaximos de moi distinta
forma ante a violencia de sangue do que ante aquela que denominamos de baixa intensidade.
Aínda nos escandalizan, talvez cada día menos, a teimosía
das nosas estatísticas: as case cen mulleres asasinadas a mans das súas
parellas cada ano, os anciáns que son maltratados pola carga que supoñen,
os nenos e nenas vítimas de abusos; o bullying nos nosos centros escolares:
un 6% do noso alumnado recoñece ser agresor/a dos seus propios compañeiros/as
de forma sistemática e outro 6% recoñécese como vítima;
hai un 20% da poboación traballadora afectada por mobbing no lugar de traballo;
e mesmo as formas recorrentes de violencia con que os medios nos informan diariamente.
O terrorismo ou a guerra só son un exemplo. Cando acontecen e nolas
serven nos medios, sobresaltámonos e escandalizámonos, polo menos
mentres que a noticia dura, se cadra despois nos afacemos a elas, virándonos
máis insensíbeis ou mesmo considerándoas inevitábeis.
Talvez pensemos que o ser humano non acaba de aprender onde corresponda as regras
de xogo da convivencia internacional, social, grupal, laboral, escolar ou familiar.
Ou mesmo entendamos que esas regras ninguén as ensina e "a vida"
llas vai dando a cada quen a labazadas alí onde cada un se move. Mais non
nos enganemos, esas formas de violencia teñen algo en común, independentemente
de quen as practique e os lugares onde se produzan: o exercicio abusivo do poder,
o estabelecemento do esquema dominio-submisión entre as partes que non
saben, non queren ou non poden xestionar de forma adecuada a relación.
O caso de Jokin, o rapaz basco que se quitou a vida hai uns meses, é só
un exemplo. Falamos da axeitada xestión dos bos tratos fronte á
imposición abusiva de poder. E isto, se cadra polo meu perfil docente,
teño que dicir que se aprende e desde moi cedo. O ser humano aprende
a integrar a súa relación en ámbitos de socialización
básicos, a familia primeiro, e despois a escola e o grupo de iguais. Deles
toma claves que lle permiten comprender e lle axudan a encarreirar ben ou mal
as súas relacións interpersoais, todo iso unido aos componentes
constitucionais de cada quen. A acción educativa da familia na casa, e
do profesorado na escola, teñen un papel decisivo no estabelecemento das
boas ou más pautas de xestión da convivencia interpersoal e da competencia
social dos individuos. Como docentes ou como pais e nais, debemos ocuparnos deses
comportamentos, porque facéndoo estaremos a preparar posteriores condutas
inadecuadas noutros ámbitos, sexan estes privados, grupais, laborais ou
sociais. Un destes comportamentos, hoxe no debate social despois dos feitos
de Hondarribia, é o do bullying escolar. Cando falamos de bullying referímonos
a eses casos de matóns escolares que, coa intención de humillar
e someter unha vítima indefensa, agrédena repetida e regularmente,
sempre lonxe da ollada dos adultos/as, a través de agresións físicas,
verbais e/ou sociais, con resultados de vitimización psicolóxica
e rexeitamento grupal que, en ocasións, poden conducir ao suicidio. E logo,
por que preocuparnos agora do bullying se existiu sempre?. É certo, toda
a vida existiron vítimas que recebían os ataques dos agresores de
turno. Se lembramos a nosa escolarización poderemos porlles rostro e nome.
Temos tan interiorizados estes feitos que é doado ouvir: "Así
te farás máis forte, así espilirás de vez". "Nós
tamén o sufrimos e aquí estamos". "Son cousas de rapaces/as".
"Aprende a defenderte por ti mesmo". "Ti non lles fagas caso".
Isto non é máis que a minimización social do maltrato, o
seu consentimento. Pero, se cadra, despois do de Jokin, poida ser de outro xeito?
Estase a producir na sociedade un debate mesurado sobre o tema, un encontro centrado
entre a sociedade e a súa escola no que canalizar e situar as culpabilidades
na esencia mesma da nosa sociedade e non só na súa escola, que non
é máis que reflexo dos valores daquela?. Si, porque o bullying é
un proceso social, con un contido grupal importante. Xurde do grupo social e este
manteno por acción ou por omisión. Agora teríamos que dicir,
por imitación e por aprendizaxe vigario da sociedade na que vive. Por iso
afecta a todos/as os seus compoñentes: vítimas, agresores/as ou
espectadores/as: porque unha agresión mantida no tempo ten secuelas para
as vítimas na súa vida futura, a respecto de como se perciben, canto
se valoran e que capacidade se atribúen para teren éxito nas súas
relacións interpersoais; porque o abuso que exerce o agresor con éxito
e sen custe, ensínalle a se relacionar cos outros dese xeito, a conseguir
os obxectivos así; porque aprender a ollar para outro lado cando alguén
sofre inxustamente ante nós, lexitima a acción dos agresores/as
e eleva o noso limiar de tolerancia á violencia. Pero, son estes procesos,
sucesos que se dan unicamente na escola? A resposta a esta pregunta sitúanos
aínda máis no núcleo da sociedade. Como pretendemos esixir
logo que se eduque na solidariedade e a cooperación se socialmente non
somos solidarios e non cooperamos? Porque se estamos en contra da violencia
de xénero, ou non admitimos o mobbing como práctica de poder, e
mesmo saímos á rúa para protestar contra a guerra dos países
"abusóns" sobre poboacións indefensas, o bullying non
é máis que un escenario onde actúan algúns dos personaxes
que despois exercerán o maltrato noutros espazos. Por isto debemos preocuparnos
e ocuparnos deses feitos. Porque, aínda que nos tranquilice a conciencia
a diferenciación cualitativa que facemos das violencias, rexeitando unhas
e consentindo outras, debemos intervir abordando o bullying nas familias e nas
escolas. Ensinar aos rapaces e rapazas que esas formas de exercicio do poder non
son admisíbeis, que as rexeitamos e que socialmente son indesexábeis.
Con isto estaremos a facer prevención contra a violencia noutros ámbitos
como o familiar, no traballo, e en xeral, na sociedade. José
María Avilés Martínez Responsábel de Saúde
Laboral de STEs-Intersindical |