ARTIGOS DE OPINIÓN

SINDICATO DE TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO ENSINO DE GALICIA

POR QUE UN ESTUDANTE SAE NA PRENSA COA PEGATINA DO S.T.E.G

O pasado día 16 de Decembro, La Voz de Galicia ilustraba unha reportaxe sobre a embestidura de Fraga amosando nunha elocuente fotografía os efectos de tal escornada. A rapaza da foto, ferida aparatosamente na cabeza pola moca dun policía, choraba de rabia e impotencia do brazo doutro estudante, que revelaba na ollada unha mistura de estupor e medo. Este, exhibía no peito unha pegatina do STEG (Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia), aínda que non era profesor. Tampouco formaba parte da función pública e, con todo, participara nunha manifestación do funcionariado que protestaba pola precarización dos servicios públicos e a progresiva perda de poder adquisitivo.

            O triste Domingo de Decembro escenificábase en Compostela a toma de posesión de Fraga como Presidente da Xunta e inaugurábase a súa cuarta lexislatura baixo os compromisos de respecto e diálogo. Para que todo fose máis propicio aínda, ademáis dos 6.000 gaiteiros prometidos, organizouse un percorrido a pé desde o Parlamento ata o Obradoiro: era aí onde unhas 500 empregadas e empregados públicos pretendíamos expresar a nosa disconformidade coa política privatizadora e de desfeita xeralizada de todo o que neste país remite a público e social. Pareceunos unha ocasión e un lugar adecuados para escurecer un pouco esa marcha triunfal que o presidente se pretendía outorgar. Pero a situación non estaba para actos testemuñais; o estudantado berraba tamén contra a L.O.U á saída da comitiva á rúa. As forzas antidisturbios non querían lío diante de tantos ministros de Madrid, conselleiros, alcaldes, altos cargos do PP e un séquito que superaba o cento de persoas entre parentes e persoeiros de toda caste. De xeito inaudito, todos estes individuos confiaban a súa seguridade ás forzas de choque e botábanse a andar rúa do Hórreo arriba, entre beirarrúas cheas de universitarios, sindicalistas e traballadores irados pola provocación que supoñía tal xesto de pura e gratuíta arrogancia. A tensión chegou a ser suprema; cargas localizadas aquí e alí, estudantes e policías correndo polas beirarrúas, nós abaneando as nosas pancartas, todo isto mentres na calzada uns seres que semellaban doutro mundo, aparentando alleos ao conflicto, saudaban a un suposto público que (tamén supostamente) os aclamaba. A escena tornábase por momentos ridícula e os protagonistas oficiais do acto, no seu afán de que ninguén lles arruinase a cerimonia, caían na máis absoluta parodia de si mesmos, parodia que se potenciaba aínda máis coas caricaturables e ridículas vestimentas dos gaiteiros de Foxo. Deste surrealismo matinal tirounos apuradamente o balbordo dos estacazos que repartía ao asalto a policía de Fraga. Cargas selectivas destinadas en exclusiva a universitarios díscolos co sistema. Algúns preguntabámonos se os sindicalistas ameazamos aínda un sistema que non nos adica tan sequera unha boa pancada. A situación era clara: nós eramos intocables mentres o estudantado estaba sendo ceifado miserablemente ao noso arredor. ¿Que facer?. Algúns pensamos que, dado que a nosa idade impedía facernos pasar por universitarios, podíamos convertelos a eles en sindicalistas con un simple adhesivo. Comezaron a correr as pegatinas e todas e todos a nos misturar. Agora podían suceder dúas cousas, ou que nos petaran afeito ou que nos deixaran. Finalmente deixáronnos seguir a marcha reagrupados en dirección ao Obradoiro. Á entrada da praza rematou esta camiñada ateigada de violencia contida. Todas as entradas estaban tan ben gardadas que ninguén que chegara co tempo xusto á praza puido xa entrar. As protestas máis enérxicas pedindo o pase foron as de algúns fraguistas pertinaces. Os nosos berros e consignas remataron cando o acto chegaba ao seu fin. Apenas repregadas as nosas pancartas-escudo,os estudantes volveron ficar á intemperie e aí se desencadeou toda a violencia que aínda faltaba por chegar. Foi daquela cando as pegatinas deixaron de surtir os seus cívicos efectos.

                                                            Francisco Legaspi

                                                                              Membro do  Secretariado Nacional do STEG

Plataforma G.D.S.P.

Artigos de Opinión Portada STEG