|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA | |
| |
Non sei. Tal vez estea errada, porque o que levo lido ata agora sobres as bases do decreto de Galego vai acabar por confundirme. E non porque teña algunha dúbida sobre a necesidade de que a lingua galega sexa, por enriba doutras, a de todos os galegos e galegas, senón porque me sona que, tanto dun lado coma doutro, todo o mundo tenta sacar tallada política do conto e iso é algo que me decepciona. Quizais o documento que mellor recolla as verdadeiras consecuencias do desenvolvemento dun decreto redactado sobre as bases que ven de publicar a actual Administración Autonómica sexa o da Real Academia da Lingua Galega, posto que toca todos os puntos vulnerables, respecto da difusión e conservación dun ben tan prezado, como é a lingua dun país. E digo isto de PAÍS sen ánimo de ofender a ninguén, porque cadaquén considera PATRIA aquel territorio ao que ama, o terreo no que naceu e do que mamou. Pero fáiseme que, alguén, nalgures, descoñece que para a poboación galega, Galiza é a Patria, ademais de selo España. Non hai moito tempo fixen un curso de formación
sobre coeducación e unha das máximas máis potenciadas
pola persoa que me tocou coma titora foi que "NON RECOÑECEMOS
AQUILO DO QUE NON FALAMOS, AQUILO QUE NON VERBALIZAMOS". As bases que redactou a actual Administración Educativa reparten os tempos de docencia das linguas (dúas oficiais e unha estranxeira) a partes iguais. Isto non sería un agravio se, na actualidade, a LINGUA GALEGA tivese en Galiza e para toda a súa poboación a mesma consideración que calquera outra. Pero eu traballo no ensino público rural e, curiosamente, a consideración que se ten do GALEGO é semellante á que se tiña cando eu era estudante de BUP: lingua que só se falaba na aldea e que só podían falar as persoas maiores. Para as cousas importantes e para a xente nova, "Castellano, por favor". É isto equiparación, 50% ou semellantes? Tal como se desprende dese 33%, preténdese que o idioma galego volva ser ou siga sendo unha lingua de persoas adultas e da aldea galega, case despoboada na actualidade, por outra parte. Me permitan as persoas que pasean ás veces polo meu blog que exprese e polo foro do STEG que, lonxe de calquera ideoloxía ou afiliación política, que a situación do idioma galego na actualidade é máis que precaria e que as nosas crianzas, antes que saber cales son as regras gramaticais, ortográficas e expresivas dos idiomas de Cervantes e Shakespeare, debían coñecer as da terra que lle deu vida e lle dá sustento: GALIZA. Non por nada, senón porque, quen non identifica a súa terra, a súa lingua e a súa cultura, acaba por ter cidadanía de ningunha parte. E, se ao cabo, o mundo da globalización lle dá a espalda e ten que regresar, QUE LLE QUEDA? NADA, porque se ninguén o remedia, non lle queda nin a terra. E aínda que lle quede a terra, QUE É UNHA TERRA SEN LINGUA? Ata en Galiza hai diferentes maneiras de falar GALEGO.
Concha L. F. |