Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio

¿EDUCADORES DE CIDADÁNS DEMOCRÁTICOS?

Os asuntos relativos ós costumes, sociedade civil, lexisladores, Estado, etc. son, evidentemente, da máxima importancia para todos. Agora quérense introducir de cheo en 1º de bacharelato a través dunha materia que une dous conceptos, en principio, separados: "Filosofía" e "Cidadanía". A expresión "Cidadanía dirixe esta materia cara un obxectivo que politicamente non resulta neutral nin indiferente. Detrás desta palabra está o nada desdeñable horizonte dunha Europa laica baseada en valores universais. O "cidadán" nin é habitante do reino de Deus nin dunha Nación política determinada. Con esta nova materia xa non estamos ante a filosofía “a secas”, senón ante unha filosofía serva dunha política concreta. Ensinándoa convertémonos en educadores ó servicio dun específico proxecto político de Estado. Paréceme que esta materia non é outra cousa que a "Educación para a cidadanía", só que recuberta con outro verniz nominal que asegure o posto laboral dos profesores de filosofía: desígnaos a eles como únicos medios para expoñer estes temas nunha determinada etapa da educación secundaria.

Os obxectivos que están á base desta filosofía expresamente ideoloxizada, a saber, laicidade e universalidade, forman parte do mellor dos principios europeos dos últimos séculos. Tales principios parécenme incuestionables e asumibles. O obxectivo é loable. Mais, ¿é compatible este uso da filosofía con tal obxectivo?. Vexo un problema de caracter práctico, que se me presenta como unha dúbida. Penso que os principios antes mencionados teñen que ser indisociables dos criterios de autonomía e capacidade crítica. Agora ben, "moralizar" dogmaticamente en principios democráticos parece contradictorio, xa que desactiva todo potencial crítico. Os valores moralmente desexables non poden inculcarse desde o fomento dun pensamento transmitido dogmaticamente. Cando se adquiren por vía do adoutrinamento deixan de ser tales e convértense en dogmas. ¿Acaso non é a ideoloxía democrática a única que admite autocrítica?. O día de mañá cambia a coiuntura política, procédese a unha nova moralización dirixida desde arriba, e xa non estamos preparados para unha resistencia crítica e dialogada: as únicas respostas que caben son a simple pasividade ou a discordia visceral.

E así estamos, desde sempre, no mesmo circulo de cambios rápidos, arbitrarios e carentes de todo debate previo e serio. E así seguiremos, témome. Incluso pode ir a peor pois, cando non está específicamente dirixida, a filosofía conleva inherentemente unha pluralidade que fomenta a reflexión e a actitude de alerta.

Se non queremos alienar á filosofía, no lugar de "Filosofía e cidadanía" houbese sido mellor optar por outros nomes, tales como "Filosofía política", "Filosofía do Estado" ou, incluso, "Filosofía civil", que non presupoñen unha determinada e concreta orientación para o exercicio académico da materia, deixando aberto un espacio de discusión múltiple. Esto sería máis filosófico. E orientar a educación para a cidadanía, necesaria, como un asunto transversal, se queremos que realmente sexa eficaz.

En cambio, ¿que podemos esperar da administración? Limitarase a establecer un breve deseño curricular para a nova materia onde se poñan os títulos dos epígrafes que hai que tratar máis unha pequena descrición dos mesmos meramente decorativa.

A alternativa razoable, promover o consenso, reunir expertos que concreten os temas e métodos de ensino no campo dos contidos transversais en cada materia, impartir cursos de formación do profesorado REALMENTE FORMATIVOS e non deixar no haber dos profesores a autoformación individual e illada en temas (meros títulos) establecidos por decreto desde arriba, nin se contempla. Ademais, hai que ter en conta que nas respectivas carreiras universitarias, nas que realmente se forma o profesorado, nunca se estudian as cuestións ético-cívicas que agora demandan os poderes políticos para o ensino non universitario.

Pero non, os nosos políticos fano todo sempre ó revés. Eles pensan (ou alguén pensa por eles) de forma abstracta e ideal, poñen os resultados nun decreto lei, e lávanse as mans. Despois, da noite para a mañá, que sexa o conxunto do profesorado o que “se busque a vida” e plasme na realidade esas abstraccións. ¿Cal será o resultado?. Os profesores non nos sentiremos colectivamente implicados. O alumnado tomará a materia como un contido máis a “chapar” para aprobar, e cando saian da “clase” os valores cívicos deixarán de existir. Pero esta é unha consecuencia inevitable en nada imputable ó profesorado mentres as cousas non se fagan progresivamente, de abaixo-arriba e nun prazo razoable que esixe da continuidade no sistema educativo, contrariamente ás sucesivas reformas.

Xesús Vázquez Méndez