| AFÍLIATE AO STEG
PRIMEIRAS RESPOSTAS A DEZ CUESTIÓNS
BÁSICAS 1. ¿Por que? Pois porque
este é un proxecto aberto e plural, menos vertical e máis participativo;
para empezar a traballar connosco só tes que querer. Mira a nosa páxina
web, podes comprobar que pretendemos que sexa un portal de información
e posibilidades para as traballadoras e traballadores do ensino público. 2.
¿O de "ti decides" paréceche un reclamo moi visto? Pretendemos
que non se quede en propaganda na medida en que o talante e o estilo sexan exactamente
eses: procurar a axuda e colaboración de toda a afiliación baixo
unha forma de organización asemblearia que fai posible a participación
directa. 3. Como, ¿que iso é un fracaso? Efectivamente,
fracasa cada día que non somos quen de conectar coas necesidades e intereses
da nosa afiliación, pero ten éxito cada vez que un grupo nos xuntamos
coa intención de mellorar o ensino e o noso traballo diario. 4.
¿Que a xente só quere un sindicato que lle solucione problemas? Solucionar
problemas non debe significar descontos no supermercado. Como sindicato temos
que reclamar que se valore o ensino público como merece e xustificar ante
a sociedade o recoñecemento salarial e a mellora das condicións
de traballo para que o ensino público sexa un exemplo de pluralidade e
calidade. 5. ¿Que os sindicatos somentes crean
problemas? Como somos traballadoras e traballadores os problemas xa están
aí, ante nós. Problemas para os que non temos solución definitiva
que non sexa a de ila procurando pouco a pouco e en cada circunstancia, esixindo
a implicación de quen ten as responsabilidades en cada momento. 6.
¿Que cantos somos logo para poder incidir nas solucións? Entendemos
que a cuestión é máis cualitativa que cuantitativa, aínda
que nos parece básico como traballadoras e traballadores do ensino estarmos
organizados como colectivo laboral para actuar socialmente: se aquí estamos
500 e alí 1.500, ¡estupendo!: xa somos 2.000 persoas organizadas,
con capacidade ben diferente que se cada quen vai cos seus problemas por separado. 7.
¿Preguntas pola ideoloxía do sindicato? Pretende ser solidario
e progresista, coidando a pluralidade. Mantén unha total autonomía
a respecto das forzas políticas, da Administración e de calquera
poder externo, financiado unicamente coas cotas de afiliación. No STEG
non hai cargos unipersoais e as decisións tómanse colectivamente.
8. En efecto, unha cousa son as ideas e outra os feitos. Como
colectivo que somos composto por persoas, as aportacións e propostas van
ser diferentes, pero dámoslle estremado valor ao consenso e ao diálogo,
a explorar fórmulas novas, a procurar acordos e proxectos comúns
que fuxan dos dogmas, enxergando a realidade con mentalidade aberta e analizando
todos os puntos de vista. 9. ¿E para o Ensino? Mantemos
a necesidade de avanzar cara a un sistema escolar galego integrado e integrador,
democrático, laico, coeducativo e de calidade para toda a cidadanía,
motor de innovación e transformación, que estea por riba de intereses
corporativos, persoais ou electorais. Este conxunto de características
reunímolas nunha alternativa que denominamos Escola Pública Galega. 10.
¿Que temos que ver con isto as traballadoras e os traballadores? A
consecución de iguais e melloradas condicións de traballo e retributivas
para quen sexa ensinante, unha formación inicial profesional e científica
do mesmo nivel, un perfeccionamento continuado en relación directa coa
función educativa, unha maior e mellor repercusión social do noso
labor, ... todo isto baixo o nome de Corpo Único de Ensinantes. Ben,
pois esperamos a túa decisión... ...E se precisas máis
motivos, non dubides en poñerte en contacto con nós.
|