Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

XORNADA SOBRE A LINGUA

Conclusións

Sabedoras e sabedores de que a mellor práctica tírase dunha boa teoría, consideramos que Xornadas como estas son imprescindibles para analizarmos con rigor unha realidade complexa e cambiante que precisa de constante reflexión.

Da primeira mesa sobre Plurilingüismo con Teresa Moure e Goretti Sanmartín salientamos a demanda ética de defendermos un Plurilingüismo entendido coma consecuencia de que o pensamento “eco” permee a Lingüística; que as linguas son algo máis que meros medios de comunicación e que a perda da diversidade cultural é un drama que caracteriza a nosa época avalado, en moitas ocasións, por este termo empregado ao servizo só dunhas poucas linguas europeas con Estado. Xa sabemos do roubo de palabras como liberdade por parte do pensamento máis reaccionario. Co termo Plurilingüismo está a acontecer algo semellante.

Ambas autoras animáronnos a repensar a diagnose que levamos facendo da situación do galego desde hai décadas…Segue a ser a diglosia o concepto que mellor reflicte o comportamento da meirande parte das e dos falantes de galego? Mesmo se atreveron a nomear a soga na casa do aforcado…demandando a honestidade de dicir alto e claro que o galego está a morrer diante nosa. Ante esta situación, temos que lembrar que as linguas son dispositivos para pensármonos, que cada unha leva consigo unha forma de ver o mundo e, xa que logo, a morte das linguas supón a desaparición doutras tantas formas de analizar a realidade que a humanidade leva producindo. Así, de perdermos o futuro de subxuntivo, as galegas e os galegos perderemos unha forma de pensar o mundo como algo real. Perderemos con el a nosa capacidade para crer na utopía.

Na segunda mesa, As Políticas Lingüísticas, Francisco Fernández Rei debullou para nós as diferentes políticas lingüísticas que se seguen no País Valencia, Illes Baleares, Aragón, Navarra, Asturias, Francia, Italia…. Abondo para lembrarnos a riqueza lingüística que nos arrodea, e que está ameazada pola vixencia do ideal ilustrado de querer facer coincidir as fronteiras xeográficas coas fronteiras culturais.

Alba Nogueira transmitiunos o seu convencemento de que o dereito é imprescindible para a defensa das linguas,malia non abondar por si só. Explicounos como a nosa normativa lingüística redúcese ao ensino e a función pública, fronte a outros ámbitos de uso coma os medios de comunicación –cotas de emisión de música en lingua propia, tradución de películas, na atención en servizos abertos ao público..- que si están lexislados noutros países, nomeadamente en Cataluña.

Cualificou a política que se está a facer en Galiza de eutanasia lenta para a nosa lingua, pero lembrounos que o problema maior que temos son os prexuízos históricos contra o galego, e que o dereito pode acompañar, pero non é quen de reverter unha situación de discriminación social. Pilar García Negro describiu como en todo o marco legal de referencia para nós aparece recoñecido o feito que o actual goberno galego está a negar: hai linguas e falantes desas linguas en manifesta inferioridade de dereitos respecto a outras, e que polo tanto precisan de protección. Fronte a este mandato legal, o goberno define a lingua galega mesmo como “barreira” no acceso á Función Pública, cando o concepto de barreira en dereito aplícase ao que aspira a ser eliminado ( como sería o caso das barreiras arquitectónicas…). Debullou tamén para nós exemplos recentes da perversión terminolóxica que se está a aplicar ao servizo de aumentar a confusión existente. Así, lembrounos que o concepto de lingua materna é un concepto acientífico e como tal non pode ser o alicerce sobre o que determinar a lingua a empregar no ensino,ou que o bilingüismo demandado por grupos abondo coñecidos non fai falla demostrar que agocha pretende ser un chanzo previo á definitiva substitución lingüística na Galiza…Para os que cuestionan mesmamente o emprego de termos coma Normalización por seren excesivamente ambiguos, Pilar deixounos esta proposta… Toda lingua “normal” é ubicua, interclasista, omnifuncional (vale para todo), autorenovable e autosuficiente.

Xaime Subiela analizou o paradoxo de que sexan os representantes do goberno galego os que están a atacar a lingua, xa que o galego actuou como capital simbólico de lexitimación do propio poder autonómico. Lembrou o termo “política lingüística de baixa intensidade” acuñado polo actual Secretario Xeral de Política Lingüística para describir o “non facer”, ou o “facer en ámbitos pouco problemáticos” que caracterizou a práctica política nas últimas décadas. Salientou que neste ámbito, como noutros, conxugouse o facer normas declarativas ambiciosas con prácticas moi acomodaticias, de mínimos, caracterizadas polo principio de “non molestar”. Tamén nos lembrou a falsa imaxe de “consenso” que se está a transmitir como característica deste período anterior,así como o feito de que a resistencia á normalización lingüística non era tan irrelevante como nalgún momento puidemos chegar a pensar. Demandou que sexamos quen, entre todas e todos, de fornecernos dunha sólida base discursiva ao redor da normalización, creando un marco interpretativo da realidade que sexa ilusionante. A demanda dun novo discurso, no que nos reapropiemos de termos positivos como liberdade, Plurilingüismo que están a ser secuestrados polo pensamento máis reaccionario,está presente entre a reacción en defensa da lingua que ten xurdido como revulsivo ante a situación que estamos a vivir.

Leo e Arremecaghona axudounos a retomar o debate pola tarde co nivel de atención desexable, ao non permitirnos unhadixestión acomodaticia…Ademais, deunos tamén en que pensar…”Se un alumno non supera ao profesor, o profesor é un profesor fracasado…” Berro pedagóxico que desde o STEG subscribimos e facemos extensible ás profesoras e as alumnas…

Na mesa redonda “O Galego no Ensino”, Anxo Lorenzo, Bernardo Penabade, Rexina Vega e Xosé Antonio Calviño debateron sobre se había unha verdadeira necesidade dun novo marco normativo para o galego no ensino, e sobre os aspectos máis polémicos do recentemente aprobado. Nas intervencións do público plasmouse o forte rexeitamento social que suscita o espírito desta norma, primeira que protexe o castelán prohibindo a docencia de aulas en galego desde o remate da ditadura. Gabouse o labor e o nome dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nos centros educativos, e salientouse o difícil clima creado para poder continuar cun verdadeiro labor de normalización, ao que non se pensa renunciar. Salientouse tamén a imposibilidade técnica de cumprir o obxectivo do 50% en cada lingua, debido á complexa casuística que se da coa escolla de materias, incluídas as optativas. E o convencemento de que esta situación salvarase, máis unha vez, ao prol do castelán.

Anxo Lorenzo seguiu a insistir no discurso do actual goberno da Xunta da suposta demanda social ( baseándose na enquisa) de cambiar o modelo de normalización e, por ende, tamén o marco lexislativo.

Desde o STEG consideramos cumpridos os obxectivos fundamentais da Xornada ao achegarnos a un novo concepto de plurilingüismo no que o galego sexa a lingua fundamental ao mesmo tempo que se insistiu na necesidade dunha maior protección e promoción da nosa lingua. Especialmente destacable foi o debate xerado entre o profesorado e o Secretario Xeral de Política Lingüística nas interpelación sobre a s dificultades de aplicación do Decreto ao mesmo tempo que se considerou un atranco para a normalización da lingua.

Tamén debemos salientar o interese suscitado polo profesor Penabade ao explicar o modelo de normalización posto en práctica no Concello de Burela como un exemplo de plurilingüismo onde o galego é a lingua de comunicación entre as distintas realidades lingüísticas do Concello.